CARLOS CASARES Á MARXE
09 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Estouno vendo fuxir por unha rúa de París, un canellón estreito de barrio de mala nota, co pavimento de adoquín, levando as mans á cintura porque lle acababan de pegar un tiro nesa parte vital do seu corpo. Despois de recorrer varios metros atrastabillando, cada vez máis dobrado, case tocando coa cabeza no chan, por fin caeu redondo panza a baixo, dinamitado pola bala. Confeso que chorei, aínda que só se trataba dunha película, A bout de souffle, de Jean Luc Godard. O home que morría daquela maneira era Jean Paul Belmondo, que acaba de ser hospitalizado, confrontándose coa morte, agora de verdade. Anos despois souben que a causa que facía que aquela escena fose tan dramática era, a parte da soberbia interpretación do actor francés, o talento dun fotógrafo non menos xenial, Raoul Coutart (non estou seguro que se escriba así), que pediu que o sentasen nunha silla de rodas, agarrou a cámara con forza e ordenou que o empurrasen para seguir a Belmondo cando fuxía. Un dos grandes travelling da historia do cine. Aquela película tiña aínda outro aliciente: a presencia dunha rapaza guapísima, vestida con pantalóns vaqueiros e un niki a raias horizontais, co pelo cortado como un rapaz, Jean Seberg. Esta muller, que tería amores cun coñecido escritor, amigo meu, acabou sendo acosada polo FBI, calumniada e finalmente destruída. Apareceu nun coche, morta de varios días, nun estado espantoso. Sempre que paso por Montparnasse, vou ver a súa tumba, que está a uns poucos metros da de Sarte e Simone de Beauvoir. A estes dígolles hola por cortesía. A Jean Seberg déixolle unha flor. Oxalá non teña que facer eso nunca con Belmondo.