XESÚS ALONSO MONTERO
31 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Hoxe, 1 de agosto do 2001, inaugúranse, na pequena vila pontevedresa de Catoira, as IV Xornadas da Historia. O título das xornadas monográficas deste ano entusiasmará a moitos e desacougará, non pouco, ós activistas da desmemoria e ós funcionarios supramunicipais dos organismos de Cultura: A resistencia cultural de Galicia no franquismo. Daranse cita, nos catro días que duran as xornadas, escritores, editores, cantantes, xornalistas e actores que, dun xeito ou doutro, loitaron na legalidade contra o franquismo, contra unha Dictadura que non sempre era un penedo compacto senón unha estructura que contiña fendas, esas regandixas por onde os opositores ó Réxime deslizaban o inconformismo da súa voz. Dúas frontes á vez Algúns dos invitados loitaron en dúas frontes, na ilegalidade, con tódolos seus riscos, e na legalidade, non exenta de riscos mercé á indefinición dos seus límites. Desta imprecisión hai exemplos moi elocuentes. En 1969, Isaac Díaz Pardo publicou, non sen problemas, en Ediciós do Castro, O divino sainete, de Curros Enríquez, obra que dous anos despois o Departamento de Consulta Voluntaria Previa prohibía a unha editorial viguesa, Castrelos, que dirixía Xosé María Álvarez Blázquez. (Eu posúo copia do infame e discriminatorio expediente). Álvarez Blázquez, sen embargo, arriscouse e incluíu a gloriosa sátira anticlerical no volume da Poesía galega de Curros, porque, en 1971, os censores ameazaban pero non sempre executaban. Entre os conferenciantes de Catoira figura un histórico da loita estudiantil compostelá: Vicente Álvarez Areces, hoxe presidente do Principado de Asturias. É un caso -non o único- de universitario que conxugaba o combate legal, nas asociacións universitarias, co ilegal, nas filas do Partido Comunista, no que era un líder admirado. Loitar na legalidade e na ilegalidade é o denominador común dunha boa parte dos invitados, trátese de escritores (Méndez Ferrín), cantantes (Benedicto), xornalistas (Margarita Ledo), directores de teatro (Manuel Lourenzo)... Teño a impresión, sen embargo, de que a concepción destas xornadas céntrase nas actividades culturais (conferencias, canción, teatro, recitais...) desde as cales os opositores á Dictadura, aproveitando as súas deficiencias (como tal dictadura), cada vez maiores (pola correlación de forzas), fixeron chega-la súa voz -ou a súa media voz- a certos públicos. A de Catoira deste ano é unha boa cita coa Historia, cun capítulo recente da nosa historia que tantos queren ocultar. Gonzalo Bouza-Brey, o coordinador destas xornadas, organizounas con xeito e con oportunidade. Non sei se algún dos oradores falará, tamén, da pervivencia de certos modos franquistas.