VELLAS TEIMAS

La Voz

OPINIÓN

SOLEIRA / X. L. Franco Grande

18 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Supoño que un lector calquera se sentirá desacougado coas concordes manifestacións do presidente do Goberno, do que foi presidente, señor González, do que aspira a selo, señor. Rodríguez, así como dos que son voceiros dos seus amos, transmisores da filosofía, ideas e praxe destes -os Rajoy, os Arenas, os Blanco, etc.-. Concordancia case ó unísono en esixir ó señor Ibarretxe que a prioridade do seu novo goberno sexa o que chaman dereito á vida e ás liberdades, e non o soberanismo, á parte de romper cos pactos municipais coa esquerda abertzale. E supoño tamén que ese lector, se é de mente limpa, non comprenderá moi ben, en primeiro termo, esa extraña concordancia e pensará se, ó mellor, está sucedendo que a globalización alcanza xa tamén ó PP e ó PSOE, se non estarán estas dúas formacións a punto de fusionarse, se será real o panorama que os líderes desas formacións nos debuxan nestes días ou se se tratará tan só dunha alucinación. Porque é como se eses líderes tivesen esquecido cousas tan claras e tan recentes como os resultados das eleccións vascas; ou que non están lexitimados para dar eses consellos, porque eles as perderon e as gañou quen as gañou; esquecen que a esas eleccións concorreron os que as gañaron levando no seu programa o que agora non lles parece unha prioridade, é decir, estáselle pidindo que renuncien ó seu programa de sempre, xa que tamén esquecen que o PNV inclúe a reivindicación soberanista dende a súa fundación. Todo este disparate só leva ó resultado menos político que se pode imaxinar: a seguir creando alporizamento, e poñer de manifesto unha incapacidade para aprender a leccións dun pasado tan recente como elocuente.