PÁXINAS SOLTAS / Marina Mayoral
16 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Por casualidade vin o inicio da serie de televisión A memoria cotía na que se pretende reflexar os cambios xeracionais mediante a testimuña de persoas que evocan lembranzas e vivencias da súa vida. Vina porque sempre hai amigos e boa xente que te avisa, nunca os de televisión, que digo eu que non sería tan costoso gardar o enderezo de quen participa e facerlle chegar a noticia da emisión. Así, os que vivimos fora poderíamos intentar que alguén nos faga unha copia para poder velo. Pero, en fin, o que lles quería contar era outra cousa. O programa trataba da situación das mulleres dende a postguerra. Dirán algúns que é darlle sempre voltas ó mesmo, pero á vista dos resultados non está de máis. Nalgúns aspectos o avance foi grande. As mulleres que non poideron estudiar unha carreira porque na súa familia decidiron que foran os irmáns quen disfrutaran dese privilexio, loitaron para que as súas fillas non sufriran esa discriminación. Pero os prexuicios non desapareceron. Unha muller aseguróu que morrerá coa pena de non ter podido exercer a carreira de medicina, que deixou por imposición do seu marido. Pero o seu fillo exerceu a mesma imposición sobre a muller con que casou; o que demostra que a pena soa, sen loita, sen esforzo por cambiar as cousas non serve de nada. Sorprendéronme as testimuñas de mulleres que poderían ser miñas fillas e que se sinten discriminadas no seu traballo: abogadas novas que perden un cliente porque él quere tratar cun home; executivas que se ven preteridas na promoción polo solo feito de ser mulleres e por tanto nais potenciais ; profesionais que son tratadas de nena ou rapaza mentres ós compañeiros se lles chama doctor ou señor abogado. Con todo, o que a min me preocupou máis foi a opinión dunha muller que dixo que a muller que traballa non se ocupa dos fillos como antes e que eso é unha perda irreparable. É este un argumento falaz, que utilizan todos os que de forma solapada se opoñen ó traballo da muller. A él hai que responder sinxelamente que é falso. O traballo fora da casa nunca impediu á muller ocuparse dos fillos e ata dos vellos da familia, xa sexa casada, solteira ou viuva. Non se ocupa a que non quere, tanto que traballe fóra como que non. ¿Ou pensan que eses nenos clavados durante horas ó televisor son só os fillos de nais traballadoras? A peor represión é a asumida polas víctimas, que poden chegar a defender a ablación do clítoris ou o uso do shador como parte esencial da súa cultura. Pensar que o traballo da muller perxudica a crianza do fillos vai nesa liña. É falso e non se pode admitir. Unha muller que traballa non é só nin fundamentalmente un xornal máis; é sobre todo unha persona que se realiza plenamente como ser humán. Os nenos só beneficios poden recibir dunha nai que traballa.