LOIS TOBÍO E A AUTONOMÍA

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

08 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O 13 de xuño último, Lois Tobío compría 95 anos, e ese día unha presa de amigos radicados en Madrid organizaron un homenaxe que se celebrou no Ateneo, conducido por M. Lombao, quen con Mariví Villaverde, Inés Canosa e E. Albor artellaron o lerio. Participaron Borobó, F. Bouza, R. Morodo, X. Ríos, R. Guerreiro, Marga Romero, R. Villares, e quen fai esta nota. Entregouse un caderno de homenaxes escritos por 30 colabouradores, e son moitos os que non se enteraron e queren que se faga outro caderno. Hora e media tardouse en ler as adhesións. Houbo xente que se desplazou dende o Uruguay. Agradeceu o homenaxe a profesora Constanza, encantadora filla de Lois Tobío. Hai unha luceciña de esperanza. Lois Tobío xunto con outros oito estudantes fundaron o vello Seminario de Estudos Galegos no ano 23. Tobío pasou a dirixir a sección de Ciencias Sociais, Xurídicas i Económicas, área que o 6 de maio do ano 31 publicaba o Anteproxecto de Estatuto, que serviu de base incitadora aos tres que seguiron até o da Asamblea de Municipios do 1932. Nesa sección se integraban tamén Ferreiro Cid, Bóveda, Pedret, Taboada, Risco, Carbalho Calero, Osorio Tafall, Paz-Andrade, Vidal Rey... (abondaría tirar as súas biografías pra expor unha historia dramática da nosa existencia). Os que traballaron arreo no Anteproxecto foron Tobío e Carballo. Os outros enviaron ideas e datos e na segunda edición completouse o Anteproxecto cun amplo estudo económico de Bóveda que xustificaba a Autonomía. No articulado do Título I do Anteproxecto decíase: «A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española» (dende o século XIX nengún republicano podía pensar que o novo réxime deixase de ser Federal). O territorio comprendería «as antigas catro provincias da Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense» (o que desbota o sistema provincial que nos impuxeron os patrioteiros afrancesados). No Título II determínase que os poderes do Estado galego corresponden ao povo e serían exercidos pola Asamblea e o Consello de Galiza (os redactores estaban ben informados e sabían que tiña que chamarse Consello, e non Xunta que ten unha tradición negativa para a nosa terra). Eran elexibles homes e mulleres maiores de 23 anos (vese o avanzado que era este Anteproxecto pois tardouse un lote de anos en lle reconocer ás mulleres tal dereito). O presidente do Consello tiña a representación do Poder Galego e presidía as sesións do Consello «dirixindo os debates» con voto de calidade (representación e moderación de debates, e non eso de que o presidente é o que manda). Actuaba nas relacións co Poder Federal como representante do Poder Galego, etc. Lois Tobío foi chamado por Castelao cando se formou na América o Consello da Galiza pra o seu artellamento xurídico, e cando foron morrendo os que o compoñían como representantes en fideicomiso da vontade do povo galego, foi Tobío quen obrigou a dar por finado o corpo, contra quen querían continuar, con xente que xa non tiña esa representación. Hai que lamentar que quen máis sabía sobre Autonomía, como era Tobío, non fora chamado a participar na constitución, da que temos hoxe.