LETRAS E OUTROS SIGNOS / Anxo Tarrío Varela
02 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Quizais xa alguén nalgunha columna xornalística ou nalgún comentario sobre o asunto saíse ao paso de algo que está a se estender nestes últimos meses en diversos medios e foros de debate para denunciar a barbarie urbanística xeralizada que sofre Galicia dende hai moitas décadas, coa proliferacións de actuacións non precisamente arquitectónicas ao longo e ao ancho do país, agredindo dun xeito vergonzoso a paisaxe e o medio ambiente, ata o punto de empezar a se constituír nun problema endémico irreversíbel. Falo da inxusta utilización que se está a facer do termo feísmo á hora de se referir a este tipo de atropelos contra o benestar público e contra a imaxe e dignidade de Galicia, para os que compriría utilizar outros substantivos e adxectivos que denunciasen esas prácticas ignorantes coa contundencia que merecen, non cunha palabra que está rexistrada na terminoloxía técnica da crítica das artes cunha dignidade e acerto que non merecen seren transladados a algo tan groseiro como é a destrucción da nosa contorna natural para beneficio da especulación, da corrupción ou, simplemente, do veciño que chanta unha casa onde lle peta. Porque os movementos artísticos que podemos adscribir ao feísmo conlevan unha actitude expresionista crítica contra convencións estéticas, literarias ou filosóficas, contra a hipocresía moral, contra prácticas pouco éticas, contra abusos e inxustizas sociais e políticas e mesmo contra o absurdo da propia condición humana. E anque a utilización concreta do termo poidamos rexistrala tan só a partir de certas experiencias plásticas de artistas contemporáneos a verdade é que o feísmo, como actitude intencional, se non estou trabucado nas miñas apreciacións, é un fenómeno artístico que trascende as fronteiras coevas a nós. Certamente, feísmo crítico utilizárono xa, nalgunha medida, os trobadores galego-portugueses do escarnio e do maldicir, ou a novela picaresca, ou Goya cos seus cabreados brochazos da Finca do Xordo, por poñer só uns poucos exemplos, ata chegar a algunhas manifestacións artísticas do século XX que se ergueron contra o mal gusto burgués ou contra situacións políticas corruptas e laminadoras de sociedades enteiras, como moitas dos países da América latina. Nada que ver, entón, ese feísmo, procurado adrede, cos feos e cochambrosos resultados do urbanismo depredador que sufrimos os galegos pola nosa ignorancia e pola demagoxia e desidia política do deixar facer.