XOSÉ CARLOS CANEIRO DE SOL A SOL
28 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.«Nosotros nos debemos a los ciudadanos». Escoito a Pío Cabanillas, flequillo al viento, declarando nas radiofónicas ondas tal indisimulable axioma. Débense aos cidadáns. A nós. Emociónome e deixo caer unha lágrima na area estival das múltiples praias bandeira azul desta Galicia verde verdísima. E electoral: doutor Fraga visita Venezuela. Que alguén se preocupe por min máis alá dos meus próximos resulta grato e conmovedor. Por iso debo gritar que Piqué non debe imputarse, aínda que os outros directivos de Ercros estean imputados. Que dezaoito mil millóns de pesetas puideron caer en calquera burato. Que as súas oito inclinacións occipitais diante de Bush, ese personaxe de Faulkner, son producto da boa educación e non simbolizan absolutamente nada. Que Aznar é o que manda. Que Jesús Cardenal é o mellor fiscal posible (¡Non nos moverán, don Jesús!). Grito na Fisterra estas verdades. Para que escoiten os incrédulos, os incapaces de conmoverse diante das palabras de Cabanillas, Pío. Débense aos cidadáns. A exclamación removerá na miña alma as virtudes máis elevadas: fe, esperanza, caridade, valor, humor. Débense aos cidadáns. Gracias (de) ministro.