OUTRO DÍA EN OSLO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

25 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois da loucura da noite de San Xoán, Oslo era o domingo unha cidade tranquila, coas rúas case desertas. Vese que a xente aproveitou a calor, con temperaturas de arredor de trinta grados, para saír fóra do centro urbano, ou ben a bañarse nas illas próximas á capital, situadas no fiordo, ou ben a pasear polos parques. Nós fomos visitar o que está dedicado ó escultor Vigeland, famoso en todo o mundo, e fomos tamén ó museo dos barcos vikingos. Rematamos a mañá en Holmenkollen, onde se atopa a célebre pista de salto de esquí. Pola tarde, despois de xantar, demos unha volta en barco polo fiordo, a bordo dunha vella goleta de dous paos, construída a mediados do século XIX, e que leva o nome de "Johanna". Facía calor e pasamos a travesía, que durou un par de horas, facendo tertulia, sentados na cuberta. Nas illas víanse centos de persoas tiradas ó sol, algunhas en traxe de Adán e Eva, absorbendo con avaricia a luz que aquí hai que acumular para o inverno. Desde a última vez que estiven en Oslo, hai uns anos, notei cambios notables. O primeiro, que o nivel de vida aumentou moito como consecuencia do petróleo. O segundo que os habitantes deste país seguen sendo amables, de trato educadísimo e cidadáns responsables, tanto que a pesar de que pagan o litro de gasolina a duascentas pesetas, sendo productores, non se manifestan nas rúas nin se rebelan indignados contra o goberno. Un terceiro aspecto que me chocou é que agora se ve moita xente gorda, que antes non había. Non sei a qué se pode deber, porque por primeira vez na historia, os ricos son delgados, unha cousa que costa diñeiro.