ESTÍO

La Voz

OPINIÓN

DE SOL A SOL / Xosé Carlos Caneiro

20 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O verán ten un piano de grilos interpretando notas de blues cada tarde, cando o sol oculta o rostro e as mamás saen ao balcón e gritan, como un alalá, o nome do fillo. Dez badaladas na torre da parroquia. Porque en xuño sempre son as dez. Fráxiles, suaves, acariciando a pel e devolvendo os labios olvidados. Ás dez da noite. Cando as despedidas non lastiman e un pode agardar, feliz, a chegada do novo día. O estío ten amores adolescentes agachados nun zapato azul. Sempre. Volvemos a eles para evitar que o tempo nos consuma. Regresamos con pantalón vaqueiro, camisa branca, pano azul hippy no pescozo e un cigarro barato entre os labios. Corremos as mesmas prazas, os camiños que ocultan aínda os bicos prohibidos, as árbores en que escribimos un corazón atravesado de frechas. Silvio Rodríguez canta Ojalá que la luna pueda salir sin ti e Milanés repite que non, que isto non pode ser nada máis que unha canción. Xa sabes. O estío. Un piano de grilos cada tarde. Hoxe, mentres escribo esta columna, sinto que me vou facendo maior. Eu, que quería ser Peter Pan. E pirata. Aquel que rescatase a princesa que escribiu o seu nome, comigo, nunha árbore do parque.