SARMIENTO E A ABOLICIÓN DA PENA DE MORTE

La Voz

OPINIÓN

LUIS RODRÍGUEZ ENNES CATEDRÁTICO DA UNIVERSIDADE DE VIGO

19 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A recente posta en liberdade sen cargos do cidadán español Joaquín José Martínez, tra-la súa estadía ó longo de varios anos na pasaxe da morte dun cárcere norteamericano, supuxo o alzamento no noso país dunha multitude de voces criticando a irreversibilidade da pena capital. Xustamente coincidindo con estes feitos, acordouse adica-lo Día das Letras Galegas do vindeiro ano ó egrexio polígrafo Frei Martín Sarmiento, sen dúbida o máis afervoado abolicionista da Ilustración española, aspecto este bastante descoñecido polos estudiosos da magna opera sarmientana. É obvio que o frade bieito non é un xurista ó uso. Nas súas opinións xurídicas amósase a súa falta de formación nesta ciencia pero -sen embargo- isto revela o seu desexo -mesmo a súa paixón- por influír na realidade escribindo páxinas onde se pon de manifesto a súa visión do dereito. Consciente Sarmiento de que son anos nos que o mundo xurídico se está a transformar en terreos que non coñece, aquela paixón por intervir coas súas opinións evítalle ser esixente intelectualmente e escribe do que se coñece, sabendo que dese cambiante eido do dezaoito é ben pouco. Un dos aspectos nos que brila con luz propia o pensamento sarmientano é a hora de apunta-la necesidade de reforma-las leis penais do seu tempo, dunha crueza que se contradicía dun xeito palmario con desenvolvemento da época. Para Sarmiento, a realidade social que il presencia está chea de leis inxustas, sanguinarias e esotéricas. A súa pretensión é abrirelle-los ollos ós seus concidadáns ignorantes e loitar pola reforma imprescindible das leis. A maneira de combate elixida por il non é o estudio minucioso e técnico-xurídico dos delictos, as súas formas e mailas penas contra cada un deles, senón que se limita a amosa-los principios xerais, as faltas de maior importancia e os erros capitais do ordenamento penal vixente. O problema da pena de morte é o que deu lugar a máis controversias e o que, sobre todo desde o século das luces, dividiu as opinións. Seguramente ningún medio penal foi tan ardentemente combatido nin, por outra parte, defendido con tan firme convicción, nin máis universalmente aplicado. Dentro do iluminismo hispano é patente a orixinalidade de Sarmiento ó pedi-la supresión da pena de morte. Para comprende-la importancia que encerran as afirmacións que seguen e a atención da que son acredoras, abonda con reparar en que chocaban non só coa opinión xeralmente aceptada senón tamén coa lexislación de tódolos países. Segundo as súas propias palabras, a privación da vida do reo e «bárbara, inútil y contraproducente». Aquí o pensamento de Frei Martín amósase moito máis radical có do seu amigo e mestre Feijoo, quen propugnaba o mantemento da pena máxima ó igual que outros espíritos senlleiros da época como Montesquieu ou Rousseau. O mesmo Beccaría, pai da moderna penoloxía e adalide da loita fronte a tortura, admitía dous motivos «que fan necesaria a morte dun cidadán». Sarmiento, pola contra, solicita a súa abolición «en toda clase de delitos y crímenes». A súa profesión de fe abolicionista obedece a que, para il (e isto sitúao a anos luz de Feijoo e Beccaría), acepta-lo principio legal da pena de morte supón acepta-la filosofía da violencia, no seu alento máis profundo e máis nidio, e declara-la súa necesidade. Se é lícito matar, todo é lícito. Neste sentido, Sarmiento alónxase moito de Bentham. Así, mentres o fundador do utilitarismo afirma que «os homes, polo xeral, adoitan mira-la morte como o maior de tódolos males e sométense a estes pra liberarse daquela», Sarmiento, pola súa parte, non cre unicamente na intimidación: «lo que da lugar no es el escarmiento, pues cada día se multiplican las maldades de todo género. Sólo es espantar moscar que cien veces espantadas, cien veces vuelven a ser moscas y a picar». É certo que as ideas de Sarmiento estaban no ambiente dos sectores refinados e progresistas do seu tempo pero non é menos que sen a aposta decidida a prol do avance das ideas abolicionistas sustentadas por Sarmiento e outros conspicuos anovadores do século XVIII, estas ideas non atoparían eco.