CARLOS CASARES Á MARXE
16 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A primeira vez que estiven en Oslo, ía cheo dos prexuízos que os suecos teñen respecto dos seus veciños, como nos pasa a nós cos franceses, a estes cos belgas e así sucesivamente. Por suposto que non eran parvos nin infantís, tal como aseguraba o tópico, aínda que si bastante tímidos. E amables. En plena rúa, unha señora á cal non coñecía de nada invitoume a unhas fresas, quizais porque quedei mirando con cara de lambonciño consumido para o paquete que ela levaba e do que ía comendo coa devoción dunha persoa feliz. Agora leo nun periódico daquel país que un psiquiatra fixo un estudio sobre a saúde psíquica dos habitantes da capital de Noruega e que moitos deles teñen trastornos da personalidade. Ó principio pensei que se trataría de outra cousa máis grave, pero logo, unha vez que vin a reportaxe, decateime de que non debe ser nada importante. Polo visto, séntense excesivamente tranquilos, moi tímidos e toman a vida demasiado en serio. O que me sorprendeu foi a explicación dada polo investigador. Pensa que ese tipo de trastornos son típicos das persoas que viven nunha grande cidade. Sen embargo, Oslo non pertence a esa clase, a penas unha rúa que vai desde o Pazo Real, situado nun cerro, ata a estación, un quilómetro máis abaixo. Moi diferente de Nova York, por exemplo, onde si que chama a atención a aceleración da xente, as présas con que se move todo o mundo e a agresividade que se percibe en moitos barrios. Polo tanto, a conclusión debía ser exactamente a contraria. É dicir, que para enfermar de tranquilidade, pódese ir a Oslo. Non parece unha doenza grave.