CARLOS CASARES Á MARXE
06 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Todos os días, Laín Entralgo, á hora de ler os periódicos na súa casa da rúa Ibáñez Martín, en Madrid, collía o seu exemplar deste diario no que eu escribo, lía esta mesma columna, facía un recorte con ela e logo gardábaa para pasarlla máis tarde, primeiro a Milagro, a filla que vivía con el, e despois a Pedro e a Sonia, cando o ían visitar. Colleu ese costume o día que descubriu que de cando en vez, eu falaba do seu fillo, das nosas longas conversas de verán, na casa que el ten en Tebra; ou na miña, aquí en Vilariño. Había tempo que non vía a don Pedro Laín. Participei na homenaxe que lle fixeron na Biblioteca Nacional, onde recordei as palabras que el escribira en defensa da editorial Galaxia, alá polos anos cincuenta, cando as cousas non eran fáciles. Tiña bos amigos en Galicia, como Domingo García-Sabell ou Ramón Piñeiro. Despois da guerra, pasou un verán no castelo de Ameixenda, na ría de Corcubión, xunto co filósofo Xavier Zubiri. Algo daquela estancia debeu influír no feito de que a súa filla, profesora na universidade Complutense, se encargara das clases de literatura galega, que aínda segue impartindo. Tampouco parece alleo a esa circunstancia que o seu fillo Pedro mercase casa en Galicia, onde pasa as vacacións desde hai moitos anos. Nas nosas tertulias de verán ou Semana Santa sempre estivo moi presente o intelectual agora desaparecido, de quen conservo unha visión máis doméstica que sagrada, gracias a esa proximidade familiar interposta. Aranguren díxome unha vez que Laín tiña «vocación presidencial». Eu víao máis humano. É dicir, máis verdadeiro.