BARCO DE PIRATAS / Xosé Carlos Caneiro
02 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Os grandes descubrimentos científicos dos últimos anos, merecedores do Nobel, producíronse nas últimas semanas. España engade este mérito ás aportacións relevantes do século pasado: a fregona e o chupa chups. Trátase dun asunto que é preciso tratar coa seriedade que merece, e máis aínda se temos en conta que estamos a falar do futuro de todos os galegos, de Fraguicia, este reino poderoso (o de Fraguicia explicareino máis tarde). Non dilato máis a súa curiosidade, querida/querido lector. Os descubrimentos, grandísimos: na emigración un pode durar tranquilamente ata os cento quince anos e os mortos, en serio, os mortos poden votar. A oposición bloquista e socialista, incrédula, está a montar a marimonera con este descubrimento e non o valora na súa xusta medida, xa se sabe, son os de sempre, agnósticos, ateos, marxistas, esa tropa de vándalos que como nos descoidemos son capaces de suprimir os grandes milagres de todas as relixións. Todas excepto a súa: o caos. ¿Pero quen vai votar a estes individuos que descren dos misterios, dos asuntos de fe, da resurrección dos corpos (que votan, evidentemente)? O goberno, preocupado por estas ñoñerías, ordena depurar o censo electoral de emigrantes. Funcionarios e funcionarios están revisando e actualizando as listas. ¿Para qué? ¿Acaso pensan que despois do gran descubrimento científico as cousas van ser o mesmo? Pois non. A democracia, esa señora alta rubia de ollos azuis ateniense e americana (todoxunto, sen pausa), seguirá a ser o mellor dos sistemas posibles. Incluso neste territorio do Noroeste que a partir de hoxe mesmo debe levar o nome do fundador, como se fose o Colón de Colombia: doutor Fraga Iribarne. O epónimo debe ser aplicado inmediatamente e en outubro, data electoral, os periódicos e televisores han falar de comicios autonómicos en Fraguicia, e non Galicia, sabendo, como sabemos, que o Popular partido que nos goberna non só vai repetir maioría, senón que vai arrasar, como Atila, e converter a oposición nun grupúsculo de dous ou tres agnósticos. Suficientes. Ademais, ¿para que quere oposición un país coma este? Para cuestionar verdades e dogmas de fe que só os máis profundos, como Amarelo de Castro, poden chegar a comprender e estimar en todo o seu esplendor áureo. ¿A quen se lle ocorre dubidar da limpeza electoral? ¡Por favor! Os mortos votan porque levan tempo votando e en Arxentina, créanme, os cento quince anos é unha idade absolutamente normal. ¿Cantos anos viviu Martín Fierro, e o Evaristo Carriego cantado por Borges, e Evita Perón? Eternos, son eternos. O que sucede é que esta agnóstica oposición, repito o de agnóstica, non é capaz de vislumbrar os grandes cambios que se están producindo no minúsculo territorio do Noroeste. Fraguicia, reino encantado, é un mundo irreal onde todo pode suceder e sucede. Y punto.