O GALEGO É ÚTIL

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

25 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Déixenme que lles fale outra vez da lingua: esta ferramenta nosa, representación simbólica do mundo, que herdamos dos avós e deberiamos ter a intelixencia política de llela transmitir, rica e activa, ós nosos netos. Seguín o chat (deberiamos dicir leria) que La Voz propuxo estes días ós internautas sobre o futuro do idioma. Onte recollíanse nestas páxinas algunhas declaracións. Interesoume especialmente unha, asinada en Ferrol: ¿Realmente ten algunha utilidade o galego?. Velaquí unha pregunta que non sempre acertamos a responder. Hai anos a TVG encargoume unha serie con este título: O galego é útil. Aparecían persoas de moi diversa procedencia (médicos, deportistas, arquitectos) declarando a súa instalación habitual na lingua, e acababan todos coa mesma frase: o galego é útil porque é noso. Non estou seguro de ter acertado. Ou de ser entendido. Castelao dixo que a utilidade do galego non se mide no estómago, aludindo ó pragmatismo daqueles que só ven o mundo dende o egoismo dos intereses materiais. Era unha resposta idealista. Para ben ou para mal, o materialismo é o discurso dominante. Case que nada se move doutra maneira. Así foi sempre ó longo da Historia. Os pobos, as sociedades actúan segundo a propia conveniencia. O importante é saber a quen favorece a conveniencia. Ollade a última edición de Eurovisión: Holanda, Noruega, Bosnia cantando en inglés e renunciando, xa que logo, ós seus idiomas de identidade. ¿A quén aproveita iso? Pois ben, aceptado o principio histórico da utilidade, cómpre afirmar que o galego (a existencia dunha lingua de identidade) é útil tamén para o estómago da sociedade. Incluso dende unha perspectiva puramente economicista, mercantilista, pragmática. Naturalmente, non podemos separar a cuestión lingüística do conxunto do proceso de modernización social: calidade dos productos, formación do capital humano, coidado do medio ambiente, infraestructuras... Sen modernización non hai futuro, nin para a lingua nin para os falantes. No discurso unificador da globalización, no que cada vez todo parece máis idéntico a si mesmo, ser distintos significa dispoñer, en principio, dun valor de recoñecemento que non tódolos pobos teñen e que nin se improvisa nin é doado conseguir. O multilingüismo pragmático, é dicir: a posibilidade dunha poboación culta capaz de moverse en varios idiomas segundo os seus intereses ou actividades ocasionais, non só non é incompatible co galego, senón que o reforza, primeiro: como código de recoñecemento na inmensidade uniformizadora do caos global; e segundo, coma lingua ponte, estratéxicamente situada, que ha permitir ós cidadáns do século XXI acceder, cun mínimo esforzo, a dous grandes mercados demográficos: o castelán e o portugués. Son dous argumentos. Hai máis. Unha política lingüística renovada (non entreguista, nin burocratizada) debería avanzar nesta dirección.