TRAS AS ELECCIÓNS

La Voz

OPINIÓN

MIGUEL ANXO ARAÚJO IGLESIAS LÍNEA ABIERTA

17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Penso que os resultados electorais en Euskadi deben ofrecer material abondo para unha reflexión. Eu quero entrar nesta reflexión coma un membro máis dos cidadáns de a pé, interesado polo ben público da nosa sociedade. En ningún momento entrarei como bispo da Igrexa en España e en Galicia. E a primeira impresión, moi doada de facer, é que estas eleccións autonómicas resultaron, contra o que moitos esperaban, un triunfo redondo do nacionalismo vasco. Os partidos que din defende-la Constitución e o Estatuto acadaron un fracaso moi claro. Con estes resultados, a calquera se lle ocorre preguntar como se explican semellantes fracasos. Un pensa que o pobo vasco é substancialmente nacionalista e tradicionalista. Votan o que votaron seus bisavós, avós, pais, familia, etcétera. Isto non significa que este pobo simpatice con ETA, e menos coas mortes e co terrorismo. Euskadi é un pobo que sente, ó seu xeito, a súa identidade nacional, as súas tradicións, a súa cultura, as súas cousas. A propaganda anti PNV errou na estratexia. Deu a sensación de que se trataba de que Madrid quería volver a un centralismo plurisecular e nefasto. Por outra parte, non foi capaz de distinguir entre nacionalismo e terrorismo, entre PNV e ETA. Meteunos a todos no mesmo saco. E digan o que digan, o PNV non é terrorista, nin todo nacionalismo é independentista, eu me atrevería a afirmar que nin a maior parte.