BEATUS QUI LEGIT / Xesús Alonso Montero
16 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Sobre o poeta Eladio Rodríguez González aínda non se publicou un traballo que examine tódalas facetas da súa obra, constituída por non poucos poemas dispersos e tres volumes de moi distinto tempo (Folerpas, 1894; Raza e Terra, 1922; Oraciós campesiñas, 1927). Hoxe por hoxe, a incursión máis esclarecedora nunha parcela da súa poesía, a representada polo último libro, Oraciós campesiñas, é a reseña que publicou Vicente Risco, na revista Nós, en 1928, reseña na que define, con sagacidade, o que el chama o «ruralismo trascendental» deste poeta de aldea que reza en verso. Os poemas son unha especie de pregarias non exentas dunha certa mística. En Oración santa, don Eladio fala dos «santos preceptos non escritos» «que soupo despertar nas almas puras / o amor ó traballo / i a devoción á terra». Neste libro de 1927, en certo modo o testamento de don Eladio como poeta, o autor non se alporiza ante a dura vida dos campesiños, víctimas de vellas eivas (caciquismo, centralismo...); o autor limítase a rezar, en voz baixa, as súas oracións campesiñas. Pero nos poemarios anteriores, don Eladio achégase ó proletariado rural con outra actitude e con outra intención, sobre todo no opúsculo de 1922, en Raza e Terra. En As fouces, poema afiado, xa no inicio estampa esta afirmación: «Sega, labrego, sega; / [...] que así que te decates / de que inda as fouces sirven / pra algo máis que sega-los milleirales...». Aínda que nestas fouces (como nas de Cabanillas) non escasea a retórica, non deixan de desacougar, ós establecidos e ben pensantes, versos como «¡Fouces da nosa terra! / Segade ben, segade; / segade nas aldeas e nas vilas / sin lle ter medo a naide». A Raza e Terra, de 1922 -o momento máis belixerante, literariamente, de don Eladio- pertence un poema de contido máis librador, o que se titula Lume, que é «redentor» e que ha de «acabar coas odiosas tiranías». Este alegato en favor do lume «trunfador e grorioso» finaliza con seis versos non detectados pola crítica: «Si ha de vir algún día esa alborada / que xa ó lonxe amañece, / bendigámo-lo lume / proteutor que nos quente, / e saudemos con xúbilo a fogueira / da libertá que ó mundo vello queime». Cinco anos despois, en Oraciós campesiñas, acolle este poema, Lume, pero suprime, entre outros versos, os do final. En realidade, o lume de 1922 era moito lume, sobre todo se algún lector entendía a «alborada / que xa ó lonxe amañece», como o mencer que se estaba producindo na Rusia dos Soviets, na Rusia de Lenin. ¿A que outra alborada, situada «ó lonxe», podía referirse, en 1922, o cantor das fouces xusticeiras? É significativo que manipule o poema cando, en 1927, o acolle nese libro tan pouco reivindicativo que titulou Oraciós campesiñas.