BORRASCA PETRIFICADA

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

11 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre mediados de decembro de 1875 e finais de febreiro de 1876, Curros Enríquez viaxa a Euskadi como corresponsal de guerra, enviado polo xornal madrileño El Imparcial. Tiña 24 anos. España, moi especialmente o País Vasco, vivía a traxedia dunha nova confrontación violenta: a chamada Terceira Guerra Carlista, unha das varias guerras civís que axitan o noso século XIX, ás veces localizadas en espacios xeográficos moi concretos. As crónicas aparecen baixo o título xenérico de Cartas del Norte. Son 32 entregas. Curros cubre a campaña do xeneral Moriones. Escribe dende Hernani, Loido, Bermeo, Azpeitia, «patria de San Ignacio de Loyola, centro del jesuitismo europeo», Guetaria, Zarauz, San Sebastián... «Tanta desolación, tanta sangre no puede ser estéril». Outro compañeiro do xornal, Juan B. Fauró, informa dos movementos do xeneral Martínez Campos. Ámbolos dous exércitos avanzan facendo cuña contra as partidas carlistas para liberar a cidade de Donosti. O lector interesado pode consultar este capítulo da biografía literaria do noso autor en calquera edición das súas Obras Completas. Nunha das crónicas, mesmo nas vésperas da importante acción do monte Indamendi, que modificaría definitivamente as posicións dos exércitos enfrontados e abriría o camiño da capital ás forzas liberais, Curros cita a Víctor Hugo. Poucos anos antes, o autor francés describira a paisaxe e o temperamento agreste das provincias vascas cunha expresión breve, lapidaria: «Borrasca petrificada». Referíase máis ben á xeografía, inaccesible, difícil de transitar, moito máis naqueles tempos de cativas comunicacións e camiños enlamados. O talento do escritor galego vai máis alá e non dubida en utilizar a frase para describir o conflicto que ten diante de si: durísimo, complexo, enraizado na memoria das xentes, coma un cancro, e cheo de connotacións non sempre doadas de explicar (nin de entender) dende fóra, que alcanza momentos dunha ferocidade primaria, case irracional. Borrasca petrificada. Concluída a campaña electoral en Euskadi e xa nas vésperas da xornada de consulta, coa última barbarie de ETA quente aínda (unha vez máis) enriba da mesa e as declaracións cruzadas de todos estes días entre as forzas democráticas que concorren ós comicios, tan cargadas de impotencia, tan cheas de discursos repetidos, ocorréuseme volver a Curros, de quen este ano conmemoramos o 150 aniversario do seu nacemento. E batín coa frase de Víctor Hugo. O peor non é a borrasca. O peor é o adxectivo: petrificada. Aí está o problema. Nunha sociedade democrática, o voto e maila liberdade de expresión son valores innegociables. Sobre ámbolos dous principios se levanta o edificio da representación política que mañá debe saír das urnas. O exercicio da soberanía popular a través do voto (por sufraxio universal) é a diferencia máis notable respecto da situación que nos describe Curros en 1876. Fronte á irracionalidade da violencia, a razón da vontade libremente expresada. Nestes momentos é precisamente a liberdade de expresión (sen coaccións, sen medos) o punto máis fráxil e castigado do sistema. Non sei que pode pasar a partir de mañá. Sospeito que, unha vez máis, a intelixencia política das forzas democráticas vaise ver sometida a unha importantísima proba de entendemento e credibilidade. Tampouco sei cantas máis oportunidades pode haber. Todo ten un límite, Pasados os discursos incendiarios, que algúns houbo, alguén debería atopar o camiño das pontes necesarias entre formacións políticas que nunca pareceron tan distantes e nas que, sen embargo, queirámolo que non, reside toda a esperanza. A única esperanza. O conflicto vasco, que é algo máis ca un conflicto policial, é un conflicto español porque afecta profundamente ó proceso de estabilidade e incluso de modernización do Estado na Europa do novo século. Curros veuno coma unha guerra civil. Seica impactou moi profundamente o seu ánimo. Irmáns contra irmáns. Debe existir unha fórmula para non repetir ese capítulo do pasado.