MANUEL REGUEIRO TENREIRO
16 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Moito se ten escrito sobre a necesidade de prestixia-la lingua galega. A loubanza foi feita xustamente para aquelas autoras e autores que traballaron neste terreo a prol da nosa lingua. Sempre lembramos a Rosalía como a autora que botou os alicerces do prestixio contemporáneo do noso idioma, asemade sempre nos referimos ás Irmandades da Fala como aquel colectivo que soubo uni-la defensa da lingua cos anceios xerais de progreso do pobo galego. Pero un dos conceptos que con máis claridade entrou na nosa ideoloxía colectiva -con máis forza a partir do Estatuto de Autonomía- foi o pensamento de que a lingua galega é a nosa lingua propia e que o castelán é a outra nosa lingua, lingua de apropiación porque connosco está e con el fixémo-la nosa vida durante séculos, de xeito que a inmensa maioría do noso pobo non quere renunciar á súa posesión e ó seu uso. A convivencia dos dous idiomas é cuestión apaixoante na nosa comunidade e a harmonía lingüística constitúe unha aportación científica ó recoñecemento xeral da riqueza do bilingüismo social. A situación de convivencia lingüística e da súa consiguiente riqueza non ofrece dúbidas, por isto cáseque todos estamos convencidos da raigame galega de Camilo José Cela. Non descubrimos nada se suliñamos que moitos temas, imaxes, situacións, símbolos e construccións sintáticas son nidiamente galegas. En definitiva, estamos persuadidos de que os contidos da obra de don Camilo teñen un xeito profundamente galego dentro da lingua común de España, tamén nosa por apropiación. Outra cuestión ben diferente é recoñece-la conveniencia de que o noso autor teña dado o paso de escribir algunha obra completa na nosa lingua propia, en galego. O seu magnífico talento e a riqueza da súa biografía gañaría cun renovado producto literario feito en lingua galega. Este rendemento percibirase na autenticidade que alcanzará o seu estilo ó expresa-las imaxes na sua lingua-nai. Estou seguro que o estilo de Cela enriqueceríase coa expresión galega e a lingua galega tería un valedor, como xa o está a ser cultural, escribindo tamén na lingua propia. Moitos agradeceriamos profundamente este xesto. Graciñas de antemán.