MANUEL ESPIÑA OUTEIRO DE SAN XUSTO
09 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Os asasinos da ETA, segundo a doutrina oficial da Igrexa Católica, recollida no novo Código de Dereito Canónico, eu penso que xa están excomungados. Non hai máis que aplicarlle a todo ser humano, como fillo de Deus, o que o Código, falando das penas de castigo polos atentados e homicidios (cc. 1370-1397), lle aplica ós que atenten contra o Papa, os bispos e os cregos. Pero, a execución destas penas ou castigos de excomuñón compete ó Papa e ó bispo de cada diócese. Non compete ás Conferencias episcopais. Por tanto, non creo que a próxima asemblea da Conferencia Episcopal Española poida aportar nada de especial transcendencia sobre este tema. De tratar este asunto, sería algo máis ben de cara á galería e quizais sintonizando co actual clima de especial crispación política e social. E coido que non poderán pasar dunha simple declaración de intencións ou dunha mera recomendación ós bispos do País Vasco e de Navarra. En todo caso, se estivese aquí a solución a tan grave problema, tan só habería que lamentar e moito a súa tardanza, pois pasaron máis de trinta anos e foi moito o sangue vertido e incontables as bágoas derramadas por tantas familias desfeitas. Mais, a solución ten que producirse ante todo onde naceu o conflicto e así as igrexas vasca e navarra tiñan que facer moito do que non fixeron. Por iso, desde hai bastantes anos, sempre que teño ocasión, pregúntolle ós cregos vascos e navarros cómo se explica que os da ETA non teñan nin sequera ameazado a ningún crego nin bispo desas dióceses. E sempre me responden cun absoluto silencio e os amigos, cun sorriso. Non hai dúbida que, se estes cregos e bispos predicasen valentemente o Evanxeo de Cristo, terían que dicir con toda claridade que os asasinos e terroristas etarras e os seus colaboradores están fóra da comuñón cristiá, xa que atentan gravisimamente contra o principal mandamento: «Amádevos como Eu vos amei». E, se despois fosen coherentes con esta doutrina nos seus actos, axiña chegarían os ataques. En consecuencia, as igrexas vasca e navarra tiñan que pedir publicamente perdón, pero con sincero propósito de cambio. Mais, despois de que algúns cregos ata chegaron a louvar como mártires e case como outros cristos a etarras mortos, ¿vanse atrever agora a negarlle os sacramentos como excomungados...?