AUGURIOS

La Voz

OPINIÓN

EL DEBATE SOBRE LA INMIGRACIÓN XESÚS VILAS

08 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Por unha volta non se equivocaron. A realidade era tan evidente que os futurólogos apostaron a cabalo gañador. Os gurús da socioloxía levaban vinte anos avisando de que o século XXI sería o das migracións. E vaia se acertaron. Non quedaba outra diante dun proceso de mundialización que metía na escena do teatro global a millóns de persoas que non teñen máis opcións que sobrevivir nos seus lugares de orixe ou marchar cara un occidente rico e envellecido, modelo de opulencia difundido vía satélite. O augurio de antano é hoxe unha crúa realidade. A emigración somete definitivamente á milenaria Europa a un proceso de mestizaxe sen parangón nos últimos séculos. E malia tanta predicción, asistimos con abraio e desconcerto á chegada masiva de pateras ou descubrimos con hipócrita indignación que milleiros de latinoamericanos traballan ó noso lado en condicións cercanas á escravitude. Aínda pensamos que os cadáveres amoreados nas praias ou esnaquizados nun paso a nivel son figurantes dun mal soño do que podemos espertar. Non queremos ver que están aquí para quedarse. Cando albisquemos que os que agora están son só unha avanzadilla e que o noso futuro está irremediablemente encadeado a eles sabremos que os camiños dos vaivéns legais, das medidas de ida e volta, do partidismo mal entendido e da falta de debate e consenso non van a ningures.