X. L. FRANCO GRANDE
04 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Tivemos coñecemento dun documento dos partidos populares do País Vasco e de Cataluña que, por unha banda, nos deixou abraiados e que, por outra, é ben esclarecedor. Deixounos abraiados porque ten como finalidade expresa e confesada o rexeitamento dos nacionalismos, á par que fomenta o clima «cada vez máis anti-vasco» (sic), a confesada satisfacción porque Izquierda Unida (IU) acade implantación en Cataluña para que contribúa a dar unha «ambientación cada vez máis española á política catalana», ó tempo que di procurar medidas para conte-la crecente implantación do modelo D de educación en vasco. No seu delirio anti todo o que sexa nacionalismo chega a mostra-la súa satisfacción pola revalorización da cultura española, como o acredita o feito (¡) de ter construído unha praza de touros en San Sebastián. E moitas outras orixinalidades que sería moi longo expoñer aquí. Documento esclarecedor Á parte do abraio que pode xerar pensamento de tanto contido, non hai dúbida de que é esclarecedor o documento. Porque xa ninguén pode te-la menor dúbida do que ata agora eran deduccións lóxicas dunha política cega, violenta, asoballante. Agora está máis que claro o pouco que algúns progresaron na súa comprensión dunha España plurinacional, que clase de demócratas andar soltos por aí, que proxectos de concordia teñen algúns para o porvir. Xa non teño a menor dúbida: canto peor mellor. ¿Será posible tanta cegueira política entre os que gobernan ou pensan gobernar? Con Antonio Machado, quixeramos pensar que non será verdade nada do que pensamos.