XESÚS ALONSO MONTERO
27 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.No recente Congreso de Poesía celebrado en Santiago falouse, como non podía ser doutro xeito, de literatura, especialmente de poesía. O feito poético centrou as intervencións non só dos poetas asistentes, senón tamén dos críticos e dos eruditos invitados. Eu tiven a honra de introducir e moderar unha sesión plurilingüe titulada «Creación e compromiso: a espada na canción», sesión na que era imposible non falar da República de Platón e dos poetas, ou sexa, do Poder e dos forxadores das palabras reveladoras, expulsados da república. Nesa e noutras sesións tamén se abordaron temas máis ou menos próximos, entre eles a escasísima presencia da poesía na sociedade actual e a indefinida función do poeta nos tempos de hoxe. Quizais «son malos tempos para a lírica», como dixo Bertolt Becht (e repiten, heterodoxos, Golpes Bajos). No fondo, é moi difícil subtraerse, aínda en tempos tan mixiriqueiros coma os de hoxe, a estes temas, a estas cuestións. O día 23 os escritores foráneos fixeron a Rosalía, na súa Casa-Museo de Padrón, unha ofrenda de poemas, que tivo como prólogo unhas palabras miñas sobre a vida de Rosalía e o significado da casa e da institución que nos acollía (a Fundación Rosalía de Castro). Nese introito recitei «A Rosalía», poema no que Curros Enríquez retrata á nosa escritora acompañada, dramaticamen-te, pola incomprensión, acompañamento inevitable -parece- dos que «levan na frente unha estrela e no bico un cantar». Eu, para complementa-la idea esencial do poema e insistir nunha idea central do congreso (os poetas: pouco lidos, pouco asistidos), fixen unha incursión no eido da prosa (representada, en Padrón, pola Fundación Camilo José Cela) e no eido da poesía (representada, no mesmo Padrón, pola Fundación Rosalía de Castro e o seu anexo o Centro de Estudios Rosalianos). Tense dito -sen que ninguén o desminta- que a Fundación Cela recibe ó ano decenas de millóns de pesetas da Xunta de Galicia, do Goberno central e dalgún banco, e tamén se ten dito -menos, pero con toda a razón- que o Centro de Estudios Rosalianos sobrevive na precariedade, subsiste baixo mínimos. Pois ben, esta realidade bifronte, lonxe de ser unha teima política do Poder (máis proclive a Cela que a Rosalía, ausente de mitins electorais), é algo que hai que entender dentro de coordenadas estrictamente literarias. Os poderes hoxe -desde a Xunta ós bancos- privilexian os xéneros literarios en prosa e marxinan os xéneros literarios en verso; por conseguinte, neste esquema, os poderes, tan prosaicos de seu, cando chegan a Padrón, esquécense de Rosalía.