X. L. FRANCO GRANDE
06 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Pensan algúns que as eleccións no País Vasco, previstas para o 13 de maio, servirán para clarifica-lo mapa político de Euskadi. É moito optimismo. Paréceme que non van clarificar nada, se temos en conta o feito, confirmado polas enquisas, de que se manteñen en posturas ferreñas nacionalistas e non nacionalistas. E que as tres formacións nacionalistas constitúen, ou constituíron deica agora, maioría absoluta. Non podemos confundi-los bos desexos coas duras realidades. Pero oxalá nos trabuquemos e as eleccións do día da Señora de Fátima fagan o milagre de asentar e de aclara-la sociedade vasca. Ó meu ver, o peor destas eleccións é que van quedar reducidas a puro frontismo. Que van servir para alporiza-los ánimos e non para asentalos. E que xa están servindo para un enfrontamento radical, que non se oculta nin sequera se maquilla, contra o nacionalismo. Digo contra o nacionalismo, pois este é o demo que se quixera queimar, por máis que as enquisas, e penso que a realidade, nos digan que aquel se mantén nas súas posicións numéricas de sempre. Non parece que esta sexa maneira de facer política. A sensación que un ten é a de que uns cantos señoritos madrileños, no seu cabreo contra os periféricos, tiveran un día unha arroutada e dixeran: «¡Vamos a polo País Vasco, que tamén é noso!». O malo é que a arroutada dura por demais.