DE MADRID

La Voz

OPINIÓN

RAÚL VEIGA

03 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A harmoniosa figura dun círculo dentro doutro círculo. Así vían a relación entre Galicia e España Otero Pedraio e o galeguismo histórico. A ese círculo aínda lle engadían outro, Europa, e a este outro, o Mundo, pois o grupo Nós xa contemplaba a integración das comunidades a escala universal. Veume á cabeza este modelo mirando para a historia política da Restauración Democrática (vintecinco anos nun suspiro). Reparen: don Manuel Fraga asumiu a galeguidade e unha Presidencia da Xunta verosimilmente vitalicia cando xa lle pasara o sol pola porta na política de Madrid. Contra a lección de Otero Pedraio, a súa vía de España a Galicia era de sentido único e sen retorno. En tempos máis próximos, o ascenso e triunfo de Raxoi fraguaron, a pesar do seu apelido, directamente na capital do Estado e non por translación lóxica da escala galega á escala española. Así chegou a se-lo prototipo do galego de Madrid, identidade imposible que el vive sen conflicto ningún. Conste: alégrome moito de que Raxoi brille no ceo político do Estado. Entre outras cousas, para non ver repetido o retorno de don Manuel en clave de guiñol sen gracia: un Raxoi de volta podería se-lo primeiro presidente da Xunta que non sentise a necesidade de falar galego. Algo que non cabe na Galicia de Otero Pedraio, Castelao e o grupo Nós. E, así e todo, non estou tranquilo. Os airiños espallan a sospeita de que Aznar non ve en Raxoi máis do que sempre foron os galegos de Madrid: «galleguito listo» ou eficiente mandadeiro que, como tal, é útil mentres non eclipse a gloria actual ou futura do seu mandador.