UN PASEO POR AMBERES

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE

02 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte pasei o día paseando por Amberes, que é unha cidade fermosa, sobre todo as rúas e as prazas que serpean arredor da catedral. Tamén andei mirando os escaparates das tendas de diamantes, non polas xoias en si, que non me entusiasman, senón polo espectáculo humano que rodea ese mundo, un negocio onde mandan os xudeus. Non se ven tantos como na rúa corenta e sete de Nova York, pero case. Dominan os chamados asideos (ou piadosos), vestidos cos seus abrigos negros e coa cabeza cuberta por uns sombreiros da mesma color, debaixo dos cales saen eses tirabuzóns característicos que levan moitos deles e que encerran no seu pelo trenzado todo un rito e unha historia persoal chea de rezos e crenzas. Boa xente, en xeral. Despois achegueime ata a igrexa de Santiago. Por certo que hai templos e rúas dedicados ó Apóstolo por toda Europa adiante, por eso resulta tan divertido que existan galegos ós cal lles gustaría que se demostrase que os restos venerados na catedral compostelá fosen os de Prisciliano. Algo así como se en París quixesen cambiar a torre Eiffel por unha grúa. E que conste que Prisciliano debeu ser un home fantástico. A igrexa de Santiago estaba pechada, de maneira que non puiden visitar o templo nin admirar o Rubens que alí se garda. Así que me encamiñei cara á catedral de Nosa Señora. Quedei estupefacto: hai que pagar entrada. Pareceume unha golfería, de maneira que por principios (tampouco hai tanta ocasión para exercelos dun xeito tan fácil), decidín quedar fóra e gastar as trescentas pesetas que custaba nunha cervexa. Senteime nunha das cervexerías que rodean, case asfixian, a basílica, e púxenme a mirar pola ventá. Empezaba a nevar e, sen embargo, na terraza, ó aire libre, había unhas doce persoas sentadas, dando conta das consumicións e en animada conversa. Pensei de ónde lles viría a calor para aturar o frío que ía naqueles momentos. Non lles viría do interior da catedral, digo eu.