A ESCOPETA NACIONAL

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS

10 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Fáltame o asunto. Non podo entendelo. Inspírame o ceo azulado que hoxe, casualmente, non precipita toneladas de auga sobre a nosa cabeciña esponxiforme e bovina. Pobres, as vacas. Agraviadas. Pregúntome, con toda inocencia, qué pasaría se fosen Portugal ou España os lugares de orixe da enfermidade. Clausuradas as fronteiras, sen dúbida. De aquí non saía nada, absolutamente nada, que gardase unha mínima relación coa industria cárnica. Pero foi Inglaterra, un país con pedigrí en Europa. Un primeira división. Nada que ver co sur, sinceramente. Aquí cohabitan especies da talla de Gil y Gil con El Dioni, por poñer un exemplo tópico e macilento. Marujita Díaz, Tamara, e os tertulianos dos programas coronarios. (Permítanme destacar, neste zoo, a unha señorita chamada Carmen Hornillos, que posúe o timbre de voz máis horrible, terrible, audible, de todas as catódicas ondas televisivas: ¡que encanto de dama! Insuperable, sen dúbida). E continúo, logo do excurso, citando os paradigmas deste sur hispano. Pedro Ruiz interpretando unha canción, calquera canción, e Carlos Dávila ou Isabel San Sebastián (periodistas obxectivos). Celia Villalobos e Xaime Pita Varela. A miña debilidade, admítoo: Pita Varela é o home que eu sempre quixen ser, altivo, invencible, un comandante de ferro navegando firme entre o xeo deste proceloso mar da política galaica. Pita Varela é o home do ano, para min non cabe a menor dúbida. Pero hoxe evitarei a confrontación directa co poder. Os paradigmas deben ser respectados e estimados. Son dogmas de fe. Guías que iluminan o meu vivir extraviado. Prosigo. Paradigmas: Supermartes e Pratos Combinados, dous magnos programas da nosa televisión, pública e galega. Debían ser emitidos con maior asiduidade. Propoño que en vez de tres ou catro capítulos da serie esa do bar Suízo, programen vinte ou trinta cada día. E qué dicir do Supermartes. Contestando preguntas de enorme dificultade e tirando prenda tras prenda, qué marabilla. Propoño que sexa o obrigatorio almorzo de nenos, mozos, universitarios. Antes da escola, Supermartes. As Institucións debían meter man no asunto. Supermartes e Pratos Combinados somos nós, que o saiban. Estas Institucións que censuran obras de teatro ou pinturas de pintores obscenos, teñen o deber de promocionar iso que en verdade nos representa. ¿Decataranse algunha vez de que aquí sobra o talento? ¿Que os que fan estes esperpentos serven, e xa o teñen demostrado dabondo, para empresas de maior altura? Son os meus paradigmas. A escopeta nacional de Berlanga. Mi madriña, ¡que país!