UNHA DECISIÓN DOMÉSTICA

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

02 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O meu ordenador ten un problema grave. Empezo a sospeitar que é algo máis ca unha catarreira. Teño que levalo ó médico en serio. De súpeto, non quere andar, estraga a información, ás veces recupéraa ó chou, cando xa a dabas por perdida, pero dende logo carece da rapidez de antano e, por suposto, daquela fiabilidade que tanta seguridade me daba. Non é fácil vivir así. Vai para unha semana que lle sigo os pasos, procuro non aceleralo, póñolle parches, cataplasmas, e, paseniñamente, vou sacando do seu interior (cando me deixa) datos, programas, contidos, anos de traballo, pois no fondo empezo a pensar no irremediable. Este, calquera día, casca. Non é pouco problema, non vaian pensar. Aquí dentro está todo: libros, memorias, proxectos, datos, conexións, axendas, contratos, cartas, enderezos de amigos (e de algúns inimigos), liñas de investigación, un par de diccionarios, xogos, declaracións á Facenda, desafogos persoais, administración doméstica, diagnósticos médicos, un número de lotería... Unha mañá fixo ¡plop! e quedou coma pendurado no vacío. E co vacío, a estupidez do usuario, abandonado de repente á máis absoluta orfandade. Periódicamente, a través do correo electrónico, recibo avisos alarmantes. ¡Atención ós virus da Rede! Andan rabeados. E para algúns non hai remedio coñecido. Son coma o cancro. É ben pavera a cousa. O ser humano deseña as máquinas á súa imaxe e semellanza e, coas máquinas, inventa as súas enfermidades. Xa hai virus que xeran outros virus, alén do control dos programadores: virus que entran na Rede, virus que desintegran os circuitos, virus que brincan de aparato en aparato, de programa en programa, de teléfono a teléfono. Calquera día, nalgunha central do gran universo, nalgún nodo neurálxico do sistema algo fará tamén ¡plop!, e el será coma un apagón rápido, desolador. As últimas alarmas atinxen ós teléfonos móbiles. Atención ó Unaviable!!, así, con dúas admiracións: un aviso de chamada que aparece de súpeto na pantalliña líquida do aparato. ¡Nin descolguedes! De facelo, tal que a actuase a vontade perversa dun ser diabólico, os circuitos interiores do aparato derramaranse e o teléfono ficará irremediablemente inservible. Outrosí se recebedes a chamada dun tal (11) 41455414. Este non só destrúe o aparello senón que afecta dun xeito letal a tódolos electrodomésticos próximos. Outros aceleran os consumos ata cifras imposibles de controlar. Outros len ás agachadas a nosa tarxeta de crédito. Algunhas compañías telefónicas empezan a dar información de seguridade ós usuarios. ¡Hai un millón de teléfonos móbiles en Galicia, camiño de superar a cifra de fixos! Xa non digamos en todo o mundo. Pequenas bombas de reloxería. Alguén dirá, ¿e logo isto é a modernidade? Pois si. Isto tamén é a modernidade. E hai que deprender a vivir con ela. Ou a sobrevivir, segundo queiramos miralo, como debemos deprender a vivir coa SIDA (con información e prevención), coas vacas tolas, coa depresión, co estragamento do medio ambiente (se non o remediamos), cos riscos da tecnoloxía, coa virtualidade mediática, incluso coas promesas dos políticos (incumplidas). Non como situacións ou feitos irremediables, senón para corrixilos, ou para evitalos. Os raios X salvaron moitas vidas. Hoxe sabemos que, en certas doses, son canceríxenos. Por iso, na medida do posible, utilizamos a ecografía ou outras técnicas de exploración. Algúns tataravós nosos crían que viaxar en tren producía abortos. O grupo de Masachussets tiña razón cando dicía que a tecnoloxía ten capacidade para resolver e corrixir os problemas que crea a tecnoloxía. Outra cousa son os intereses económicos, a ambición desmedida, a falta de vontade política para tomar decisións. Exactamente o que me sucede a min agora diante do vello ordenador. Hai que tomar decisións. E pásame coma ó paisano coa vaca: que acabei colléndolle estima, e dame non sei que.