CENSURA

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

22 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A policía local de Vigo presentouse nunha galería de arte e un dos cadros da exposición foi retirado porque, ó parecer, algún cidadán denunciara a exhibición da obra por «escándalo público». Non necesito coñecer o tal cadro para escandalizarme eu mesmo, sequera sexa porque xa non contaba que o delicto de escándalo seguise vixente a pesar das reformas do código penal. Pero o que máis indignante me resulta deste atentado contra a liberdade de expresión é a propia ambigüidade dos feitos: non queda claro se a policía retirou o cadro ou simplemente así o recomendou, tampouco se sabe de orde xudicial ningunha nin da admisión oficial das denuncias. Á falta de leis concretas que atenten contra a liberdade de expresión (sería un escándalo), a autocensura (o que xa nin se chega a divulgar ou propoñer por inhibición ou temor dos seus creadores e responsables) e, cada vez máis, estas manobras seudolegais de equívocos policiais e xurídicos colaboran a que unha nova Inquisición, tácita, se instale entre nós. Claro que todo isto sucede nun ambiente no que, por exemplo, un torturador recoñecido da policía franquista vén de ser condecorado polo Goberno ou en USA un individuo chega a presidente con menos votos có seu rival e co macabro mérito de aplicar máis de cento cincuenta penas de morte. Todo isto non parece provocar demasiado escándalo público. Entre Washington e a galería de Vigo hai unha distancia considerable pero parece quedar claro que nun contexto global de conservadurismo, a existencia libre da arte é complicada. Protestemos. A galería chámase Barcelos e o artista José Hernández. A miña solidariedade.