XESÚS PALMOU As últimas tendencias na orientación da vida política dos pobos móvense entre o crecente valor das administracións locais, as máis achegadas ó cidadán, coa crecente mundialización da economía e a construcción de institucións políticas que superan a dimensión tradicional dos estados. O autor do artigo propón para Galicia, que hoxe celebra os primeiros vinte anos de autogoberno, unha síntese de ámbolos dous enfoques. Para acadala haberá que fomentar o anceio de integración e estar abertos ó mundo.
21 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Afogar o particular no universal ou condenar o global polas súas interferencias no local son dúas tentacións moi comúns nestes días, como podemos comprobar nos medios de comunicación, e ámbalas dúas insatisfactorias por reduccionistas: conducen a un cosmopolitismo sen raíces, no primeiro dos casos, ou a un illamento pechado ó mundo exterior, no segundo, que non sitúan de forma axeitada a Galicia diante da complexidade do noso tempo. Esa complexidade nace da crecente internacionalización da economía e dos procesos de integración supranacional, que están a propiciar unha dinámica envolvente para o Estado-Nación, ó restarlle capacidade de decisión fronte ás grandes corporacións, tirarlle soberanía en beneficio das estructuras supranacionais ás que se incorpora, e abocalo a ceder competencias a favor da autonomía rexional ou municipal dos territorios que o compoñen. Esta situación que, segundo os teóricos, ten o doble efecto de deixar o Estado tradicional demasiado pequeno para os retos da globalización e demasiado grande para abordar os problemas das súas partes máis reducidas, está a exacerbar tamén a dicotomía antes enunciada, ó facer aparecer, por unha banda, globalizadores afervoados que non reparan no aspecto local das sociedades e, como reacción, nacionalismos identitarios que, dende posicións fundamentalistas que apelan á raza, á relixión ou á historia, non aceptan esa globalización e se pechan no seu particularismo, ás veces por medio da violencia. De cara ó novo século, considero o máis enriquecedor e productivo para Galicia non seguir ningunha destas liñas, senón promover a súa síntese; acadar unha convivencia harmónica entre a cultura particular que nos singulariza como pobo e aqueles valores ós que, pola forza da mundialización, xa non se pode substraer ningunha persoa no planeta. O galeguismo ten un importante papel que xogar para conseguir esa convivencia e para lograr, deste xeito, a defensa irrenunciable da nosa cultura, a nosa lingua e as nosas tradicións sen ter que pagar a peaxe do dogmatismo nacionalista. Ese galeguismo ten que facer seus os valores da tolerancia fronte á intransixencia, acudir ó desexo de integración e non á segregación, defender a autonomía por contraposición ó centralismo. Será un galeguismo que, ademais de defender o que nos é propio, asumirá valores universais, como os recentemente recollidos na Carta Social Europea; en resumo, un galeguismo para o novo século, aberto ó mundo como Galicia, pero que tampouco descansará se ese mundo non a recoñece e non a respecta. Un galeguismo que, por fortuna para nós, non se atopa no terreo da utopía, como noutros momentos da nosa historia, senón afincado no presente, ben expresado no Estatuto de Autonomía que celebramos estes días, e co cal Galicia ten ó seu alcance a oportunidade única de abrir as portas para que entren os bos aires de fóra sen perder a autenticidade que a fai irrepetible neste mundo.