LAS TELECOMUNICACIONES «Internet, móbiles, TV vía satélite, cable, DVD, MP3, CD, comercio electrónico, multimedia, ADSL, RDSI... Milleiros de termos e letras agrupadas que a día de hoxe nos abafan ofrecendo posibilidades múltiples de comunicación, de transmisión e recepción de toda clase de datos. E o que vén, o que xa vén, o que nos proporcionará máis posibilidades de intercambiar moreas de información». Deste presente, que nos soa a futuro, parte o enxeñeiro Antonio Pena para analizar o momento das telecomunicacións en Galicia.
21 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.O pasado que temos vivido, o presente que nos mergulla e un futuro que se converte en presente antes de que saibamos asimilar o que está a pasar; todo iso que se coñece polo nome de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC), faise posible gracias ó que, xenéricamente, chamamos as Telecomunicacións. E cando falamos dunha Escola de Enxeñería de Telecomunicación falamos dun centro onde a tecnoloxía punta é obrigada compañeira para armacenar máis datos, enviar máis información, procesar máis modelos do que nos rodea. E se esa Escola está na Universidade de Vigo falamos de máis de mil profesionais formados nestes dez últimos anos ou, se polo afán de manexarmos datos recentes só botamos cara atrás tres anos, estaremos a falar de máis de 250 millóns en contratos de I+D co tecido empresarial, tanto galego como español en xeral, máis de 300 millóns de pesetas en proxectos dos fondos europeos FEDER ou 100 millóns ingresados en proxectos de convocatorias nacionais e europeas. Desa Escola da Universidade de Vigo en renovación continua, continua por imprescindible, que forma neste país ó tipo de profesional probablemente máis anceiado no mercado laboral dada a súa capacidade de adaptación e resolución dos problemas máis diversos. Mais a necesidade de profesionais chega a ser tan crítica que moitas empresas se ven obrigadas a contratar a enxeñeiros, licenciados tras cinco cursos, por mor da inexistencia de profesionais formados especificamente para certo tipo de tarefas e roles coma poden ser os enxeñeiros técnicos, diplomados en tres cursos. Namentres outros ensinos tecnolóxicos dispoñen dese complemento da formación, a Enxeñería de Telecomunicación en Galicia semella incompleta para poder cubrir o abano de necesidades das empresas actuais e, sobre todo, das empresas futuras que neste eido puideran xurdir. Por outra banda bótase en falta, quizais, unha aposta decidida cara a dotación académica e curricular do profesorado encargado da impartición da docencia nos ciclos superiores de Formación Profesional, nos módulos asociados a estas novas tecnoloxías, xa que esta vén sendo a terceira fonte de profesionais para dotar ás empresas do seu necesario carácter tecnolóxico. Necesariamente, a preparación actualizada permanentemente destes docentes debería ir vencellada ós centros universitarios, tanto a facultades como a de Informática ou a escolas como a de Telecomunicación. Certo é que as limitacións nos orzamentos bloquean polo de agora a implantación de novas titulacións no mapa académico galego, á espera dun estudio do mercado laboral, pero vox populi é que un dos investimentos máis rendibles para a nosa industria é o futuro que xa está aquí, vencellado indivisiblemente á existencia do centro de longo nome chamado Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación que, por lóxica cultural, económica, política e científica, debería cambiar lixeiramente o seu nome ó comezar a impartir as titulacións de grao medio que Galicia no seu conxunto necesita.