AÍNDA QUE PERDAMOS

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS

16 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Miñas donas, meus señores: Non entendo este país. Incomprensible. Galicia debe salvarse de si mesma para salvarse. E isto non é simplemente unha figura literaria. O xogo que se lle ocorre ao columnista para encher o seu barco pirata, para distraer o tedio, para non cantar a inefable maldade dos tempos. Afirmo que o peor inimigo que ten a vella Gallaecia é ela mesma. Rotundamente. E non me pidan que me retracte. Estes convencementos son difíciles de arrancar da cova das ideas, ese lugar onde as sombras de Platón compiten coas da Santa Compaña. Algunha vez afirmei que o gran reto de Galicia reside en librarse do suicidio. Hoxe, insisto. Digo tal porque acabo de chegar de Compostela, onde se celebrou durante esta semana o encontro cultural «Galego no mundo. Latim em pó». Só voces de felicitación e agradecemento aos organizadores. Parabéns á súa intelixencia e a este intento, outro máis, de fraternidade e coñecemento entre as culturas que beben na mesma nai lingüística: o galego portugués. Un chega á súa mesa de traballo e apúrase a redactar unha breve reflexión. Esta: É preciso librarnos do suicidio. Repítome. Porque o problema non son as grafías, senón as actitudes. A cuestión ontolóxica non repousa en negarnos, aniquilarnos, polo feito de padecer unha historia distinta á portuguesa. A nós sempre nos tocou pelexar contra as adversidades. ¿E que? ¿A nosa literatura é mellor ou peor por escribir «palabra» ou «palavra»? ¿Somos máis cativos porque temos menos lectores? Creo, sinceramente, que non. O prestixio das literaturas radica, ou ha de radicar, na calidade dos seus textos (falamos aínda da lírica galego portuguesa porque era, na súa época, a lírica de referencia en todo o Occidente). As actitudes deben ser edificadoras, alentadoras. Só así negaremos a maldición de Sísifo: subir a pedra ata a montaña para nada, para baixar de novo, e subir, e perecer. Probablemente a normativa do idioma galego non é a mellor posible, pero é a que temos. E iso é unha conquista. Igual que a Lei de Normalización Lingüística, e a Autoidentificación do presidente (si, a Autoidenficación de Fraga Iribarne é unha conquista dos que non son Fraga Iribarne), e as editoras deste país, e a grandeza de recitar poemas proclamando que queremos cambiar o mundo. Digo que existimos. E berrarei ata rebentar que existimos. Aínda que sexamos imperfectos, aínda que nos doa a pel, aínda que mil veces nos venzan as lágrimas de impotencia que choramos. Miñas donas, meus señores: É preciso librarnos do suicidio. Amarnos. Aínda que perdamos.