XOSÉ DÍAZ OS PASOS PERDIDOS
05 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Estás na casa xantando tranquilamente, acendes a televisión para ver as noticias e, de súpeto, aparece na pantalla un señor traxeado de mirada circunspecta e palabra grave, diante dun edificio oficial. Fala dun tema social de actualidade e interés xeral e refírese á xente chamándolle público, en vez de usar a palabra cidadán, aquela que puxera de moda a Asamblea Nacional francesa, aló polo ano 1789, cando promulgou a celebérrima Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. Pensei: este señor debe de estar actuando, porque si me considera público é que está ofrecéndome un espectáculo. ¿De malabarismo, quizáis? Ó cabo dun anaco aparece outro señor tamén traxeado e aspecto serio, esta vez no interior dun Parlamento que, dirixíndose ó micrófono do xornalista, refírese ó común dos vulgares, é dicir á cidadanía, empregando a palabra consumidores. Esta vez non me veu á memoria a Revolución Francesa, porque de súpeto me imaxinei sendo un porquiño cebándose na maseira para regalía do seu propietario. Reflexionei: se este señor nos chama consumidores en vez de cidadáns, será porque nos considera destinatarios de mercancías, de maneira que máis que representante da res publica, semella un empresario que fala da aceptación dos seus productos. De seguir así propoño dúas solucións: resignarnos e pedirlle ós franceses que promulguen unha nova declaración sobre os dereitos, pero esta vez do público e do consumidor, ou ben tratar de convencer a certos representantes da cousa pública que por riba de espectadores e usuarios somos cidadáns co caletre cheo de ideas e o corazón, de emocións.