RAÚL VEIGA, director de cine galego
20 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Os bosques da miña infancia leváronos os incendios e agora no seu sitio hai monte ralo. Desde o tren, en cambio, vexo medrar vizosa por outras partes a ramallada da repoboación. É o tempo que non para e máis hoxe, case vintecinco anos da morte daquel ente, arrenegado sexa, ó que a morte matou en defensa do interese xeral. Cando espichou a dictadura, eu era novo, pluscuamdemócrata e de todo me estrañaba, en especial do evidente: non podía entender que os reis daquel mundo fosen o diñeiro (se falabamos da realidade) e o fútbol (se falabamos da imaxinación). Polo menos o do fútbol terá que cambiar en democracia _dicíame a min mesmo_. Pasaron tantos anos e todo mellorou, si señor. O diñeiro xa non ten que disimular nadiña. Mandou á ruína tódolos valores que non se compran no mercado e, lóxico, xa non queda nada digno de respecto. Onde pago, cago. Coma un bolero O do fútbol non podo esaxeralo aínda que queira: tardes dominicais do franquismo oíndo o carrusel, tardes dominicais de agora oíndo o carrusel. Coma un bolero: fútbol, adicción que non satura, ilusión que non caduca, selección galega xa. Faltoume perspicacia. A cousa era evidente desde o día de 1975 en que descubrín que unha amiga, moito máis avanzada ca min no ideolóxico (e en todo), seguía cada semana a prensa do corazón. E é que, ó final, a ilusión (con outras palabras: a relixión) sempre triúnfa. Somos racionais cando non podemos ser outra cousa.