XOSÉ CARLOS CANEIRO
11 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Bush é un personaxe de Faulkner. De Santuario, concretamente. Pero non me pidan explicacións ao respecto: non penso dalas. Igual que nunca outorgaría argumentos para convencer ao mundo doutro dos meus dogmas de fe: Pepe Cuíña é o protagonista dunha novela de Henry Miller. Punto. Non digo máis. Sirva a introducción para expoñer as teses deste domingo de novembro: o grao de superioridade galaico con respecto á patria de Mc Donald (falo das hamburguesas, non do pato). No territorio de Cuíña, o noso, non suceden estas cousas. Aquí votou algún defunto, ou os habitantes dun asilo enganchados ao brazo protector dunha «hermana», ou o emigrante que recibe periódicas visitas presindenciais entre arengas entusiastas, ou o despistado que non tiña nada mellor que facer e sobe nos vehículos partidarios, e partidistas, contratados para a ocasión (definición que se adxunta ao sintagma «acarrexo»). Isto é o máximo ao que aspiramos os galegos na nosa particular heterodoxia. Eles, americanos e floridos, barroquizan os sufraxios. Equivocan ao elector. Votan a un querendo votar a outro. Recursean. Portan cartulinas escritas con rotulador todoacien demandando novos comicios. ¡Desastre! A economía mundial abanéase no gume da navalla e, confésoo, estes días exerzo de conselleiro espiritual de varios amigos que están a punto de caer no pozo sen volta do desespero: a bolsa fundida. Acoden a min en peregrinación nocturna, desanimados e infelices. Fálolles do mal que vai o mundo, comparto as súas lágrimas, bebo con eles ata que os pozos do mencer verten a súa auga na nosa pel samaritana. Algúns pensaron na posibilidade do suicidio. Non, quédanos o día, as anduriñas palpitando na voz branca e popular de Juan Pardo, Ana Kiro e o seu programa analxésico e estimulante, Supermartes, Luar, a alegría de vivir. Quédanos a eterna condena da esperanza, as palabras de amor agachadas no fervor do futuro, o Celta e o Deportivo, Repsol e os seus beneficios, os castiñeiros xubilosos bordando no horizonte a súa sinfonía de luz. Acendemos a radio: en Florida todo segue igual, ou peor. ¡Desastre! Pepe Cuíña, a quen admiro profundamente (como personaxe de Miller, por suposto) non consentiría tal afronta. El ou Rajoy: expertos triunfadores en electorais campañas. Deberían acudir aos Estados Unidos para impartir cursos sobre a materia, asesorar aos congresistas, aos directores de imaxe, aos colexios electorais. Aquí, onde os republicanos carecen de voz, todos somos demócratas. Todos, si señor. E a democracia colorea as nosas vidas como un cadro de Laxeiro instalado perpetuo no infinito. Bica os nosos poros. Infúndenos valor diante da adversidade. Entre o Padornelo e o océano non existen Floridas. Nin Bush, ese personaxe de Faulkner.