ESPIONAJE EN EL SECTOR TEXTIL XOSÉ DÍAZ, deseñador
07 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.É como si alguén che metera unha cánula no cerebro e che roubara as ideas e proxectos que tes primorosamente gardados naquela esquiña entrando a man esquerda, froito de moitas horas de reflexión, entusiasmo e vontade, e quedaras valeiro e desorientado, sen saber que facer. Que che metan a man no peto cando vas no autobús e che birlen a carteira, ou que che desvalixen a casa ou o automóbil, a isto si que xa estabamos acostumados. Pero que che entren na caixa forte onde tes as claves do teu futuro, a isto aínda non estamos afeitos. Os tempos cambian vertixinosamente e teremos que ir adaptándonos a estas sorpresas, imaxinando os artiluxios necesarios para facerlles frente con tal de ter as nosas ideas a bon recaudo. ¡Ata aquí poderíamos chegar! A máxima aspiración que tiñamos ata o día de hoxe os deseñadores era a de que nos roubasen os nosos deseños, ¡pero despóis de materializados!. Cóllenos totalmente desprevidos esta novidade de que alguén che leve as túas cousas aínda en estado virtual. Mais se o pensamos cun pouco de vagar, o lério non é tan disparatado, e empézanos a parecer lóxico, porque no mundo actual hiperindustrializado e autómata, se os obxectos valen mil, as ideas valen un millón. Non temos máis que ver as cifras exorbitadas que se poden chegar a pagar polo traballo dun bo deseñador. Toda a industria de bens de consumo, chamémoslle moda, comunicación, mobiliario, vivenda ou transporte, depende deses pequenos magos que teñen o seu traballo directamente unido á conta de resultados. Hai uns meses unha asociación profesional de Madrid pedíunos a uns cantos deseñadores que tratásemos de fixar unha definición do deseño; a miña resposta, recoñezo que moi formal, foi así: «Conxunto de actos, intrínsicamente unidos ó medio de producción industrial, encamiñados a concebir, determinar e verificar a materia e a forma dos obxectos antes de proceder á súa seriación». Traio isto a conto porque as máquinas, sen deseños, nada poderían producir. O deseño, que vén ser como a variña máxica de Merlín que fai aparecer o coello dentro da súa carapucha, é quen decide o carácter da materia, quen convirte a masa amorfa en obxecto, quen ordea o caos. O deseño é quen constrúe o significado das cousas dotándoas de futuro, ou o que é o mesmo, de riqueza. Correndo vou chamar ó cerralleiro para que me poña a mellor pechadura no estudio.