COMUNISMOS

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

31 oct 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Fin de semana informativamente vermello pero pouco intenso: en Galicia, congreso da UPG e, en España, congreso de Izquierda Unida. Supoño que a UPG se seguirá autodefinindo «partido comunista patriótico», algo que case nunca se permeabiliza ós catrocentos mil votantes longos que ten o BNG, no que se integra o partido. En IU quedarán sen saber se ofician o seu propio vudú colectivo ou a crise (continuamente aprazada) de identidade do PCE. Paradoxicamente, o PCE botou os últimos trinta anos renegando do comunismo soviético e alardeando de que eles eran outra cousa, tan innefable, supoño, que foron os primeiros en convertir en fetiche a caída do Muro de Berlín e quedarse sen ideoloxía. En circunstancias políticas e electorais ben diferentes, e mesmo opostas, ambos partidos teñen algo en común: a persistencia dos seus aparatos (nun caso, por inamovible e noutro, por disputa burocrática e incomprensible), por encima incluso da racionalidade do propio pensamento que din invocar, o marxismo. Expresión patética de que a crise da esquerda non só é consecuencia do triunfante pensamento único e virulento da dereita económica e política, senón tamén da ausencia de pensamento propio. Entre outras cousas, porque en ningún lugar Marx dixo ou escribiu que fixesen falta eses aparatos autoritarios que son os partidos de inspiración orgánica estalinista. E porque o pensamento libertario de Marx seguiría sendo válido para analizar o mundo, a historia e as súas contradiccións, aínda que ós seus fans sen partido o único que nos quede sexa organizar un círculo de lectores.