BEATUS QUI LEGIT / Xesús Alonso Montero
31 oct 2000 . Actualizado a las 06:00 h.O 21 de outubro de 1904 A Coruña foi escenario dun acontecemento inédito na historia de Galicia: a coroación dun poeta. O poeta era grande, un dos grandes poetas que ten dado Galicia, e, ademais, a mellor musa civil, quizais, do século XIX europeo. Chamábase Manuel Curros Enríquez. Ningún dos nosos poetas se ten alporizado con tanto talento literario na defensa dos humillados e ofendidos do noso país. Ninguén chorou en versos mellores a morte de súa nai. O 21 de outubro de 1904 o poeta foi coroado no Teatro Principal da Coruña nun acto, multitudinario e solemne, que aínda non suscitou, entre os estudiosos, a lectura debida. Téñase en conta que o poeta, tan agasallado nesa data no seu país, ós dous días embarcaba rumbo a Cuba, país onde residía desde había dez anos. Alí morrerá catro anos despois. Tense dito que Galicia tivo, co poeta, un comportamento contradictorio ó expulsar ó escritor que acababa de agasallar. Quizais non foi así. Había _e hai_, no país, varias Galicias, e foi unha delas, a menos oficial e a máis ilustrada, a que coroou ó poeta. Onte coma hoxe, a Galicia máis oficial, a Galicia máis presente nas múltiples instancias de poder, era incompatible co poeta excelso das causas xustas. No acto do 21 de outubro de 1904 léronse 24 poemas en gabanza do gran poeta, coroa literaria na que interviñeron, entre outros, Eduardo Pondal, Florencio Vaamonde Lores, Eladio Rodríguez González, Eugenio Carré Aldao, Manuel Lugrís Freire e Filomena Dato. Ó final do acto, unha chuvia poética descendeu sobre os tres mil asistentes á coroación: eran centos e centos de follas en distintas cores cos poemas impresos. Unha colección completa obra hoxe nos arquivos da Real Academia Galega, colección da que, en breve, se fará unha edición facsímile. Esta edición presentarase, no mesmo teatro coruñés, o 16 de setembro do ano 2001, día no que se clausurarán as xornadas literarias do Congreso Internacional sobre Curros Enríquez e o seu tempo. Nese acto asistiremos á recoroación do poeta e nel leranse, ademais dos poemas de 1904, os que os escritores de hoxe fagan, ad hoc, nos dez meses que nos separan da conmemoración. (As «bases» figuran no tríptico que publicou recentemente o Consello da Cultura Galega, organizadora do congreso). Os poetas están ante unha cita importante e significativa. O que non sabemos, hoxe por hoxe, é se, despois da recoroación do 16 de setembro do ano 2001, haberá que exiliar, de novo, a Curros Enríquez.