X. L. FRANCO GRANDE
22 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Se algo está claro, aquí e en calquera outra parte, é que un terrorismo tan violento e organizado coma o de ETA, e aínda apoiado por unha boa parte da sociedade, non se erradica só con medidas policiais. O que se está vendo así nolo confirma. E máis aínda se as medidas policiais van acompañadas pola actual política do Goberno, que alporiza e non equilibra, que crea frentismo e non unión, que non se decata de que enche-los cárceres de rapazolos de 14 ou 15 anos é amplia-las bases sociais de aopio á violencia. A chamada demonización do nacionalismo e do seu principal partido, a suposta intanxibilidade da Constitución e do Estatuto, esquecendo que toda norma pode ser modificada, o recurso a unha censura parlamentaria que en nada pode modifica-lo mapa político vasco, e un longo etcétera, non son medidas políticas senón máis ben de alporizamento e de frentismo. Por ese camiño non se vai a ningures. Porque non se pode confundir política con frivolidade. A frivolidades política págase sempre. E aquí quen vai ter que pagar é o país, todo o país, porque non pode entender que se lle diga un día e outro que os éxitos policiais _máis ben dubidosos se case sempre chegan de máis alá da fronteira_ teñen ós terroristas contra as cordas. É un vello dicir que nos lembra tamén vellos fracasos e frustracións. Non á frivolidade, si á política imaxinativa e creativa, o que comprende desde logo medidas policiais, pero tamén incidencia real nunha sociedade que se alonxe do victimismo, do frentismo e tamén si de vellas lembranzas represivas.