NUN ESCENARIO EUROPEO

La Voz

OPINIÓN

XOÁN VÁZQUEZ MAO

18 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Non é doado xulgar unha obra sen ter en conta o seu escenario. Neste caso, o escenario é o novo ordenamento territorial europeo, tan alonxado dos centralismos jacobinos coma dos nacionalismos decimonónicos, e determinado pola convivencia entre o modelo de Estado en lóxico proceso de transformación e a emerxencia de novas figuras que consagren unha realidade tan certa coma necesaria: a Europa dos pobos e dos cidadans, o que administrativamente chamamos a Europa das rexións, cimentada fundamentalmente sobre unha nova figura emerxente: as eurorrexións. Neste contexto, dende instancias comunitarias _e así o recollía o Financial Times hai aproximadamente un ano_, ainda que extraoficialmente, sempre se salientou que a cooperación transfronteriza que mellor funcionaba era entre Portugal e España, e especialmente entre a Rexión Norte de Portugal e Galicia. Non é casualidade que sexamos a eurorrexión mellor estructurada no interior e unha das de máis peso político no escenario comunitario. Neste senso, a relación entre Galicia e o norte de Portugal está chamada a desaparecer en tanto que cooperación, para convertirse nunha confluencia de intereses nunha estructura común, supeditada á realidade administrativa _que non é cuestionada_ da nosa pertencia a dos estados, pero cimentada sobre unha afinidade cultural, lingüística, social e económica que se remonta ós tempos en que éramos un único territorio: Gallaecia. É tan certa a nosa pertencia a España ou a Portugal como que as afinidades entre Fisterra e o Douro son maiores que as existentes entre Galicia e o Mediterraneo ou entre Porto e Lisboa. O futuro soio pode escribirse en clave de identidade común, de unión de esforzos e de apoio mutuo, pero tamén de resultados e beneficios da nosa armonía social e territorial. Dentro de pouco non falaremos de portugueses e galegos, senón de fisterráns, miñotos, durienses ou transmontanos. Non sei si algún día o Celta ou o Dépor chegarán a xogar a Liga portuguesa, como se reclamaba no affaire dos avales, pero estou certo de que seguiremos a alternar a paixón por calqueira das nosas duas seleccións de fútbol como no último campeonato europeo.