FERTILIDADE

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

17 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Os nenos son un ben escaso na sociedade occidental. Proba diso é que cada vez son máis frecuentes nos medios de comunicación as noticias sobre eles. Os medios informan habitualmente do excepcional (ou do que así parece). Sen embargo, as noticias desta semana (comezo do curso escolar) insistiron máis unha vez nas crónicas sobre o exceso de peso das mochilas nas espaldas dos alumnos. Tania (24 anos) asegura recordar o asunto na prensa desde hai máis dunha década. En Castilla-León hai unha mórbida polémica sobre a custodia dunha nena entre os pais adoptivos e a nai biolóxica; a opinión mediática, a xente e as institucións deciden poñerse de parte dos pais adoptivos, aínda que a bioloxía, polo menos na súa versión megalómana, parece impoñerse no absurdo récord que se quere establecer en Italia para que sobrevivan os oito bebés dos que está embarazada unha muller (atendida por 150 médicos) e que xa leva gañada unha pasta coas exclusivas do parto. En Melilla faltan médicos e os nenos árabes morren en urxencias. A ministra española de Sanidade bótalle a culpa ós celadores, mentres que un bispo católico británico se sente concernido no asunto da separación quirúrxica de dúas nenas siamesas (unha delas morrerá irreversiblemente). E eu, en Madrid, pensando en todo isto cando uns nenos multiétnicos abordan o meu taxi para limparlle o parabrisas a cambio dunhas moedas. A fertilidade é unha obsesión enfermiza dos adultos, que nin sequera somos capaces de aliviarlles o peso das mochilas ós nenos dos países ricos.