NA BRÉTEMA, GALIZA

La Voz

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO Isaac Díaz Pardo, intelectual galeguista

13 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Luís Seoane publicou no 1956 un fermoso libro de poemas e gravados a punta seca sobre metal, que titulou Na Brétema, Santiago, no que fica a impronta de Compostela como nos titulados Na taberna da rúa de San Pedro, O Castrón d''Ouro, No bosco da Condesa, O mestre das Praterías, A raíña espida... Cando o libro estaba no prelo, xa Seoane nos fixera coñecer as galeradas. Eu, e alguén máis, preguntámoslle se non sería mellor poñer o título máis directo: Santiago na Brétema. Mais Lorenzo Varela opúxose antes que o fixera Luís: a brétema é a que nos rodea, a que nos illa da realidade, e nela soñamos algo que puido ser. Se Luís o titulara Santiago na Brétema estaría describindo unha realidade, non ese sentimento poético da esperanza desesperanzada. Velaí o sentimento dun exilado sensible como Luís que logo do seu longo desterro, a historia que viviu está só no seu soño. Tomo a mecánica conceptual do poema de Luís Seoane e a traslado á realidade do noso tempo pensando na Galiza que temos soñado, inspirado na brétema que nos envolveu estes días, na que Galiza seméllanos, como a Luís Seoane, ser un soño. Cando voltei ese ano da Arxentina trouxen para Paco del Riego o primeiro exemplar do poema de Luís e tamén o orixinal de A Esmorga, de Blanco Amor, co que Galaxia ía ter un dos grandes fracasos fronte á censura que prohibiu o libro xa impreso. Voltei a América cun dos exemplares prohibidos que Seoane publicou na recén creada Citania. Agora xa morreron: Lorenzo Varela, Blanco Amor, Luís Seoane, Rafael Dieste, Núñez Búa... e estou preguntándome se Galiza sería a mesma que é hoxe, se eles vivisen, ou segue unha brétema que non nos deixa ver máis que, entre outras cousas que nos arrepían, poboando os nosos montes, tantos molinillos de vento propiedade dun señor alleo. No 1948 Castelao fica ferido de morte; «...o peteiro do corvo...» xa non-o abandonará, mais a súa loita pola defensa de Galiza non-a abandonará no que lle resta de vida. Ese ano aínda terá forzas para pronunciar un importante discurso no funeral cívico de Bóveda no Centro Ourensán, e entre outras cousas dixo: «Imaxinade unha asemblea dos mártires galegos en grupos presididos por Quintanilla (socialista), Benigno Varela (comunista), Miñones (republicano) e Villaverde (anarquista), e non é difícil calcular que eles aceptarían que Bóveda fose nomeado por nós como o protomártir. Maxinade o retorno á legalidade cando brille o sol da liberdade en Galiza e o pobo se sinta conformado polo calor da xustiza...». (¿Verdade, querido lector, se algún le estas cousas, que o que soñaba Castelao fica perdido nesa brétema mesta que perdura?). Rodolfo Halffter Música en Compostela adícalle este ano un recordo a Rodolfo Halffter no centenario do seu nascemento. Supoño que o saber e a moral de Xerardo Estévez están neste recordo. Para completalo, o fillo dun exilado _López Oliver_ trae a Santiago dende México unha manchea de documentos de Halffter, para montar un recordo gráfico e bibliográfico. Convén relembrar que os músicos que diron prestixio a España morreron todos no exilio: Falla, Casals, Pitaluga, Bacarisse, Julián Bautista, Casal Chapí, Martínez Torner, Rodolfo Halffter, e a Galiza viñeron a morrer Bal Gay e Rosita García Ascot, e moitos deles musicaron obras galegas, o mesmo Halffter, e investigaron no cancioneiro galego.