DEMORA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

06 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando escribo este artigo son as oito e media da tarde do domingo e estou no aeroporto de Zurich agardando por un avión que nos vai levar a Praga e que non sairá ata as dez. Son as consecuencias dos retrasos, pois a hora de saída tiña que ser a hora de chegada. En todas partes cocen fabas. Polo demais, como esta noite non temos máis obrigación que a de cear, tampouco importa nada facelo un pouco antes ou un pouco despois. Se acaso, o único trastorno para min, que son noctámbulo, será encontrar algúns pes para facer tertulia despois da cea. En Zurich está un tempo triste, que visto polos amplos ventanais do aeroporto inspira algo de pena, sobre todo pola xente que vive aquí. Esperemos que Praga nos reciba con sol e que poidamos pasar uns días agradables, ata o 10, que estaremos de volta. Se digo a verdade, para min, as mellores vacacións son as que se pasan na casa, cos cans, o gato, a mazaira, os paseos polo xardín, os almorzos no porche, as tertulias nouturnas de Panxón, a moto... Agora ben, a Praga nunca se lle pode facer un feo.