ACTIVIDADE

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

08 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A estancia en Moscú acabou con moita actividade. Os catro escrito-res españois mantivemos un longo coloquio cuns cen dos chamados «Nenos da guerra», aqueles pequenos de idades comprendidas entre catro e once anos que viñeron durante a Guerra Civil e que aquí siguen, convertidos xa en velliños. Logo, eu encontreime de novo co poeta Eugeni Evtuchenko, tantos anos despois, e levei a grata sorpresa de saber que aínda vive a súa nai, a quen coñecera entón. Máis tarde tivemos a voda da escritora austriaca Sylvia Treudl. Por último, asistimos a unha cea co ministro de Medios de Comunicación de Rusia. Un dos rusos do tren empeñouse en presentarmo porque me dixo que falaba moi ben español, cousa que non era certa. O certo foi que empezamos falando en inglés e acabamos en sueco. Eu díxenlle que só se podía falar ese idioma por ser nativo de alí, por estar casado cunha sueca ou por ter residido en Suecia. El respondeume que ese non era o seu caso. Non me atrevín a dicirlle que os espías adoitan saber idiomas.