XULIO RÍOS AQUÍ FORA
22 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A sucesión do dirixente sirio Hafez al-Assad, tanto no partido, o Baas, de orientación socialista dende o seu V Congreso de 1971, como no Estado, resolveuse pola vía da aceptación unánime do seu fillo Bashar. Antes, en Corea do Norte, Kim Jong Il sucedeu a seu pai, o líder supremo Kim Il Sung, nun proceso de estiramento maquiavélico do chamado pensamento zuche baseado como é sabido na proclamación das bondades da autosuficiencia. ¿Veremos próximamente en Cuba a Raúl Castro como sucesor de Fidel? Ogallá que non. Parece que o poder no socialismo deixou de ser unha cuestión de clase para transformarse nun asunto de «familia». Non se trata de cuestionar a cualificación ou a idoneidade de determinadas persoas _polo demais sempre a acreditar_, pero si de criticar abertamente esta perversión «monárquica» das repúblicas populares. Alén do parentesco, nin Kim Jong Il nin Bachar el Assad poden exhibir outro valor de mérito nas súas respectivas aspiracións políticas. Sen entrar agora a valorar outras profundidades, Hafez el Assad participou na revolución popular de 1963 e militou en favor do panarabismo e do socialismo; Kim Il Sung conduciu as guerras contra Xapón e a civil e administrou o país con man de ferro ata a súa morte en 1994. Curriculums de tanto esforzo e entrega remataron na exclusiva preocupación por garantir a perpetuación do seu poder. Triste final marcado por unha desconfianza enfermiza respecto á sociedade na que fundamentaban aquel. Hai logo vinte anos da revolta de Solidarnosc, en Polonia, cando a clase obreira se rebelou contra a vangarda que debería redimila, situando a cuestión da lexitimidade no centro do debate político en todos os países do socialismo ir-real. Na China, os apetitos imperiais de Jiang Jing, a viúva de Mao, levaron a «Banda dos Catro» ata un xuízo sumarísimo. Unha cousa é a reivindicación e defensa dos ideais de xustiza, liberdade e igualdade, vixentes e aínda consustanciais ó ideario socialista, e outra a entronización destes ideócratas, auténticos sátrapas do poder. Coa revolución ben gardada, estamos ante o modelo de socialismo zetec, unha perversión evolucionaria.