ISAAC DÍAZ PARDO-CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO
18 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Unir en razón dalgún interés cousas diferentes é o contrario de tentar uniformar todo, aínda que as características de cada cousa sexan ben marcadas. A Iberia, aínda cos atropelos que os mesetarios fixeron para se apoderar de toda a península, non perderon no apoxeo do Imperio as diferencias dos reinos naturais. A Rreyna donna Isabel no seu testamento e codicilo non fala dun Estado unitario e uniformado senón como raíña de Castilla, de León, de Aragón, de Seçilia, de Granada, de Toledo, de Valencia, de Galizia, de Mallorcas, etc. A idea dun Estado uniformado foi nascendo da ignorancia histórica e do afán de dominio dos homes que chegaron de todas partes á meseta, que o dominaron todo, o que non respondía ás ideas do pobo cha de Castela. O caso do Reino de Aragón e Catalunya é ben distinto ao de Galiza. A nosa nación hai máis de oito séculos que perdeu a súa independencia e a protección da súa cultura diferenciada, e que mantivo a súa lingua até hoxe por tradición oral, coa deturpación lóxica. Catalunya hai pouco máis de dous séculos e medio que perdeu a súa independencia, polo que a súa recuperación resulta máis doada. Nesa carreira para uniformar a tódolos pobos da península, chegamos o século pasado á descomposición do Imperio español, no que participou a fachenda e a tiranía dos nosos gobernantes. Velaí temos un que iba para crego e fracasou como literato e autor teatral, entregado aos franceses que se instalaran na península. Refírome a Javier de Burgos, de feito o que hoxe se chamaría un colaboracionista, que aceptou cargos ao servicio dos franceses, e que lle custaría, ao rematar a francesada, ter que exilarse en Francia. Cando Javier de Burgos volta a España e mostra os seus coñecementos comerciais adqueridos en Francia, o Goberno español remata por envialo a París a negociar un empréstito. E finalmente no 1933 o Goberno o nomea ministro de Fomento, dende o que leva a cabo a división de España en provincias, seguindo o modelo francés, eliminando os reinos naturais, e as Xuntas, xa descompostas, deses reinos, o que vai conlevar a creación da figura dos gobernadores provinciais e as diputacións. A partir deste momento de afrancesamento do país por esos falsos patriotas uniformadores e creadores do sistema máis caciquil que se conoce, é xustamente cando a partir deses mesmos anos aparece como unha reacción ao que se acababa de facer co país, os movementos de reivindicación dos galegos, vascos e cataláns, contra a manobra españoleira coa que nos quixeron uniformar a todos. Dígase o que se diga, o espíritu uniformador do centrismo tivo 40 anos de absolutismo durante o franquismo. E a cada movemento que fai o poder central, señan da cor que señan, nótaselles que non logran desprenderse de tan funesta herdanza. Para Galiza o pior é que nos colle colonizados e sen ninguén que nos defenda. Si, deixannos falar un galego normativizado, castrado, sometido á mesma falla de liberdade como no franquismo. Agora fálase de reclamarlle o IVE a Madrid. Xa era hora. E presúmese de que o IVE representa catro veces máis que o 30% do IRPF que nos concederon. O que no nos din é por que temos tan pouco IRPF, porque si o din descobrirían algunhas formas de colonización que padecemos. Están mexando por nós e hai que dicir que chove. Hai que ver como os cataláns defenden as empresas na súa radicación para que non se vaian a Madrid. Alguén nos retruca que hai que aceptar o liberalismo comercial, que eso é lei, aínda que sempre estemos perdendo. Xa verá ese alguén que nos retruca como os arroceiros non aceptaron a globalización que lles queren impor, e Madrid se verá obrigado a apoialos. Pero acó ninguén vai protestar polas penetracións que nos fan.