Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) é un escritor que racha cos tópicos asociados á literatura. Comezou a publicar pasados os cincuenta anos e dende entón suma xa unha vintena de libros nos que latexa unha personalidade poética que destaca cun fulgor inversamente proporcional á discreción coa que conduce a súa vida como escritor. Onte, Torneiro tamén derrubou outro muro ao acadar para a literatura galega, fértil en poetas como ningunha outra, o primeiro Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura concedido a unha obra lírica escrita neste idioma. Anteriormente, só José Ángel Valente obtivera o galardón, por partida dobre en 1993 e no 2001, grazas a dous libros en castelán.
Na década dos cincuenta Torneiro formou parte do grupo Amencer pero non foi ata 1982, mentres aínda traballaba como redactor en La Voz de Galicia, cando se estreou cun libro individual, Memoria dun silencio. Aqueles versos xa daban conta dun poeta maduro, na escrita e na vida, cunha clara vocación existencial, na que a ollada do poeta nacía da introspección pero ao mesmo tempo se proxectaba cara o seu entorno, paisaxístico e humano, o que lle outorgaba un pouso comprometido e social ao seu ton. Estas ideas envólvense nun coidado envoltorio formal, cunha gran atención aos aspectos de ritmo e sonoridade. Esta voz culturalista concederá un espazo amplo aos referentes do poeta, os literarios, claro está, mais tamén os pictóricos e os musicais. Poemarios como Campo segado ou Setembro Stradivarius son mostras cumpridas dese alento.
O paso do tempo
No 2003 a antoloxía esencial Os reinos do fulgor sinalaba unha lixeira modificación na liña poética de Torneiro, na que se acentúa a reflexión sobre o paso do tempo e o papel da memoria, temas que centran especialmente Os ángulos da brasa. Nunha carreira na que xa sobranceaban premios como o Esquío ou o González Garcés, este libro valeulle nun curto espazo de tempo o Premio da Crítica e a distinción do mellor poemario do 2012 tanto polos colectivos de escritores como de editores. Galardóns aos que agora suma o Nacional de Poesía.