Miguel de Lira: «Buscamos o pensamento diverxente»

DOLORES VÁZQUEZ< / span>

CULTURA

O actor De Lira segue comandando co resto dos Chévere os novos espectáculos da compañía de maneira horizontal e baixo a dirección colectiva que defenden. Esta semana chegan á Coruña con «Ultranoite» e en novembro darán o slato a Madrid con «Eurozone», que tamén xirará pola xeografía galega no inverno. Son as últimas creacións antes de celebrar os seus 20 anos na escena

05 oct 2013 . Actualizado a las 10:36 h.

Miguel de Lira (Lira, Carnota, 1964) fai un repaso da evolución dos Chévere e do sector audiovisual aproveitando a presentación na Coruña deste espectáculo de cabaré colectivo que é Ultranoite. El dálles aos dous mundos.

-¿Como definiría o espectáculo que agora levan á Coruña?

-Ultranoite é un formato de noite de variedades, formato que é un sinal de identidade de Chévere. Naceu hai 20 anos, no noso local de traballo, a Sala Nasa, e viña sendo unha revista máis alá do cabaré e da realidade, aínda que bebía das fontes da realidade. O discurso de Ultranoite é unha especie de caixón de xastre onde entran tantas cousas coma nos sobres de Bárcenas. Tamén ten a estética do efémero e abre as portas a un colectivo moi grande. Os Chévere sempre somos como anfitrións das Ultranoites, que é unha canteira de xente presentando propostas artísticas. E difícil nomear a todos, pero hai nomes importantes...

-Tosar, Carlos Blanco...

-Mofa e Befa, As Marías, Cadaval... Foise renovando con xente do novo circo, sempre con esa idea de que fose unha canteira. É un lugar onde probar cousas.

-¿Que queda da Nasa, da que eran comandantes?

-Do galpón físico de San Lourenzo xa estamos desvinculados, pero toda aquela filosofía Nasa ten un vaso comunicante na Redenasa.tv., mantémola a nivel virtual. Alí hai todo un arquivo de imaxes, de cousas que pasaron pola Nasa nestes 20 anos. E non é so un contedor cultural de arquivo vello, senón tamén de cousas novas que están acontecendo con Chévere e outros colectivos artísticos. O espírito da Nasa segue vivo, aínda que máis móbil, non tan estático, nese galpón. Co noso propio traslado a Teo, na Ramallosa, dalgunha maneira vén parte daquel espírito.

-¿Como xiran con dúas obras?

-Estamos distribuíndo tamén Eurozone, que foi estreada con éxito e moverémola por distintas vilas galegas. En novembro imos con ela contratados polo Centro Dramático Nacional, ao Teatro Valle-Inclán, e ten algo de feito histórico por canto que unha compañía independente como a nosa que sexa contratada durante un mes en Madrid é un recoñecemento. Eurozone é un espectáculo anticrise, cando se leva facer monólogos, nós facemos espectáculo con dez persoas en xira. Destripamos en clave de thriller o que está acontecendo en Europa na actualidade.

-Sempre baixo unha visión crítica co poder.

-Tamén facemos sketchs simplemente divertidos. Buscamos darlle unha visión de pensamento diverxente á realidade, desde ampliar as preguntas para ver se atopamos outras respostas. Temos un apego social á realidade que estamos vivindo e intentamos buscarlle as voltas con ironía e dese pensamento diverxente caemos, as veces, en actitudes divertentes. Nalgúns casos combinamos humor coa crítica política, a música ao vivo..., e ese mundo de variedades conforma o universo Chévere. Sempre fomos un grupo moi ecléctico.

-¿Tedes máis proxectos?

-Estamos pensado facer para setembro do 2014 unha Ultranoite especial polos 20 anos e tamén un documental. Traballamos ademais nun piloto para televisión.

-Paralelamente aos proxectos de Chévere, este ano participaches na película «Somos gente honrada».

-Si, está dirixida por Alejandro Marzoa, xa estivo nos cines e sigue funcionando en festivais. Foi unha película que deu moitas satisfaccións, porque tivo boas críticas, boa acollida, pero estreouse nun momento difícil e o paso polos cines foi discreto. É unha película da que estou contento porque consolida o traballo de Marzoa e o coloca para dirixir máis películas cara o futuro. Tamén estou esperando a que se estree Los fenómenos, de Alfonso Zarauza, que vai dar moito que falar. É unha película protagonizada por Lola Dueñas, e no casting estamos bastantes actores galegos. Ten que ver co cine de autor e social e viaxa ao momento do estoupido da burbulla inmobiliaria, pero dende unha perspectiva das brigadas das albaneis.

-¿Que tal a faceta de actor de cine?

-Encántame o mundo do cine en todos os sentidos, porque son guións máis pausados, maduros e traballados. E tamén as rodaxes, que como dicía Fernán Gómez é o arte de saber esperar. O cine dise que é o sétimo arte e sígueo sendo. A televisión é máis industrial e hai aspectos de calidade que se perden polo medio pola présa de producir. Aínda que agora nas series os americanos están insuflando toda a linguaxe do cine. Sería perfecto que as series se aproximaran a el.

-¿Cre o de que a crise é un revulsivo para creatividade?

-Esa máxima instalada de que a fame aviva o enxeño creo que neste caso é difícil de dixerir en Galicia, porque non partimos de cero. O audiovisual chegou a ser un sector estratéxico e así se definía, déuselle importancia porque entendíase que ía xerar postos de traballo, como así foi, e agora emigran e pérdense, e ía ser unha marca de Galicia no exterior. Pasar desa fase a actual, que é nin o café para todos, senón chicoria para todos, porque os orzamentos son tan baixos para a produción que non che da nin para arrincar os proxectos e para os novos talentos as liñas de apoio tamén están rapadas ao cero. Parece que non hai interese no audiovisual e o sector non ten unha saída doada.