A Xunta acumula 300.000 libros nun almacén dun polígono

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A Consellería de Cultura conserva miles de volumes neste almacén do polígono do Tambre, en Santiago.
A Consellería de Cultura conserva miles de volumes neste almacén do polígono do Tambre, en Santiago.

Os exemplares proceden das compras e dos fondos institucionais

26 jul 2012 . Actualizado a las 07:10 h.

A Xunta de Galicia ten na periferia de Santiago un almacén de libros que na actualidade alberga arredor de 300.000 volumes procedentes na súa maioría das adquisicións do goberno autónomo, da edición institucional e tamén das compras de bibliotecas.

O almacén do polígono do Tambre foi posto en marcha no ano 2004, despois de que o antigo almacén da Xunta en Santiago non tivese xa espazo para máis. Cando se pechou ese recinto situado xunto á estación de autobuses de Compostela, os 30.000 exemplares que contiña foron trasladados á nave do Tambre.

Segundo a Consellería de Cultura e Educación, unha grande parte dos 300.000 libros que se almacenan forman parte das adquisicións destinadas a bibliotecas e que permanecen na nave en tanto non se distribúen entre as bibliotecas ou centros escolares. Estas son compras automáticas que a Xunta realiza ás editoras galegas e das que pode haber na actualidade uns 21.000 exemplares no Tambre.

As compras corresponden ás novidades que van publicando as editoriais galegas e que están destinadas, por unha banda, ao arquivo de publicacións da Xunta e, pola outra, ás bibliotecas da rede xeral destes centros en Galicia para que conten cos títulos máis recentes da produción galega.

Material histórico

Outra parte dos exemplares que se almacenan proceden do material histórico: bibliotecas particulares, fondos institucionais, cesións de coleccións ou hemerotecas. Unha parte destes fondos serán enviados á biblioteca da Cidade da Cultura, unha vez que sexan seleccionados.

Outra parte dos fondos proceden da edición institucional da Xunta, aínda que desde a consellería explican que este tipo de edición foise reducindo paulatinamente nos últimos anos e buscouse distribución gratuíta para eses fondos.

No ano 2006 este almacén chegou a reunir arredor de dous millóns de exemplares, unha parte deles destinados para as instalacións do Gaiás, que aínda non abrira a súa biblioteca, e outra gran parte procedía da edición institucional dos anos anteriores que, naquel momento, se realizaba consellería por consellería e mesmo nalgúns casos dirección xeral por dirección xeral. Desde entón a edición institucional reduciu o seu volume, segundo o goberno autónomo, e unha grande parte daqueles libros foron distribuídos de xeito gratuíto.

Na actualidade, segundo a Consellería de Cultura e Educación, o volume de exemplares do almacén está controlado e unha parte do espazo nesa nave é utilizado para gardar material de montaxe das exposicións que produce a consellería.