Adrián Vigo: «Quédanos moita xira por diante»

VILALBA

Carlos Castro

O pianista, cantante e compositor de Baamonde ofrecerá o sábado 26 un concerto en Vilalba co que celebrará, ademais, o cuarto aniversario do primeiro disco

25 ene 2019 . Actualizado a las 12:41 h.

O artista Adrián Vigo ofrecerá o sábado 26 un concerto en Vilalba dentro da xira de presentación do seu segundo disco, Reflejos. O cantante, pianista e compositor de Baamonde subirá ao escenario coa súa banda -e o seu inseparable mestre David Taboada- ás 20.30 horas no Auditorio Carmen Estévez. A entrada é gratuíta (dispoñibles en Ataquilla.com e na Casa da Cultura).

Baladas, rumbas, boleros, música pop, salsa... todos os xéneros teñen cabida no repertorio deste artista que, ademais de talento, demostrou ter unha gran forza de vontade: Vigo leva loitando desde os 3 anos para facerse un oco no panorama musical, a pesar de ter unha discapacidade do 80% que lle afecta, entre outras cousas, ás mans e á vista.

-Como será o concerto do sábado?

-Será un concerto moi emotivo. Farémolo coa banda acústica, de cinco músicos, e servirá tamén como celebración de dous aniversarios: os catro anos do meu primeiro disco, Profunda amistad; e os dous anos do segundo, Reflejos. Polo tanto, interpretaremos todos os temas do segundo disco e parte dos do primeiro. Tamén é posible que fagamos unha proxección repasando a miña historia desde os meus inicios na música ata agora, con vídeos, fotos, unha voz en off...

-E que balance fai?

-Pois estou cumprindo un soño, David e eu estámolo cumprindo. Quen nos ía dicir a David e a min que daquela primeira canción composta por min que lle ensinei a David hai máis de dez anos ían saír tantos proxectos.

-Que tal está sendo a acollida deste segundo disco?

-O de Vilalba será o concerto número 39 e o público responde moi ben, tanto nos directos como na compra de discos. Hai uns días tamén estiven no programa Luar, presentando a canción Lume, que compuxen no 2017.

-Para cando o terceiro disco?

-Xa temos máis de dez cancións compostas, pero ata o ano que vén polo menos non sairá. Agora estamos máis centrados neste segundo disco. Vendo a boa acollida que está tendo, creo que nos queda moita xira por diante e moitos concertos que dar.

-Cantos discos leva vendidos?

-Levamos unhas 700 copias do segundo e 2.000 do primeiro.