Xulio Xiz será profeta en Vilalba, a súa terra

x.m.palacios

VILALBA

O xornalista recibirá unha homenaxe no Auditorio e dará nome a un novo treito do Hectómetro Literario

14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xulio Xiz é coñecido por moitos. Entre eses moitos atópanse sen dúbida os lectores deste xornal, cos que mantén a estreita relación que supón un artigo semanal: o divino e o humano pasa por diante del, que capta esa realidade co punto de vista logo recollido no artigo. Aos seus merecementos, dende o vindeiro domingo, háselle unir outro que cómpre valorar: conseguirá ser profeta na súa terra, pois recibirá, na súa Vilalba da alma, unha homenaxe.

Son veciños da capital chairega -nomeadamente da Porta de Cima, rúa na que pasou a súa nenez-, xunto coa Asociación Cultural Xermolos e co Concello, os promotores do acto, que comezará no Auditorio Municipal e que seguirá no paseo fluvial.

No Auditorio -con Alfonso Baamonde, presidente da Coral Polifónica Vilalbesa como moderador- intervirán o director da Real Academia Española, Darío Villanueva, a xornalista Ana Rodríguez, os cregos Xesús Mato e Xosé Manuel Carballo, a escritora Marica Campo e o crego, Alfonso Blanco, coordenador de Xermolos.

O acto desenvolverase no mesmo lugar no que tantas veces ten intervido -a máis recente, o mes pasado- Xulio Xiz como mantedor dos actos do 30 de agosto: nesa data, véspera do San Ramón, entréganse os premios do Certame Literario, de cuxo xurado adoita formar parte, e pronúnciase o pregón das festas depois de que as raíñas teñan tamén cadansúa intervención. Non faltará o domingo, como tampouco falta na véspera do San Ramón, unha parte musical, da que se ocuparán a Coral Polifónica Vilalbesa e Mini e Mero.

Os actos seguirán, unha hora despois, á beira do Magdalena. No Paseo dos Soños, nome que recibe un treito do paseo fluvial preto do Muíño do Rañego, descubrirase unha figura que lembrará que cen metros pasan a estar dedicados a Xulio Xiz. Dese xeito únese a unha distinción que xa recibiron, entre outros, Ramón Chao, Xabier P. Docampo ou Xesús Rábade Paredes.

Para o remate da xornada queda un xantar. Terá lugar ás tres da tarde, no Restaurante Montero, e os organizadores anuncian que aínda quedan tarxetas para os que non teñan feito a súa reserva. Os que desexen acudir aínda poden chamar ao teléfono 982 511 252. O monolito foi feito polo guitiricense Valdi.

De Xulio Xiz, como lembraba onte Alfonso Blanco, recoñécese una longa traxectoria xornalística, pero tamén a súa inquietude pola cultura galega, que axudou a espallar hai anos: velaí, engadía Blanco, os seus traballos sobre Xosé María Díaz Castro ou sobre Manuel María.

Máis actos

Por outra banda, o acto do domingo non supón o remate dos recoñecementos que se lle ofrecerán a Xulio Xiz, xa que o Concello de Vilalba prevé entregarlle a Medalla de Ouro. A iniciativa non ten aínda data concreta, pero no vindeiro pleno, que en principio terá lugar a finais deste mes, aprobarase o regulamento de honras que xa pasou pola comisión de Cultura hai varios días.

Desa maneira agradecerase a entusiasta reposta de Xulio Xiz a colaborar en cantas iniciativas de Vilalba reclaman a súa colaboración, sempre atendidas por el.